Apretada axenda na comarca de O Salnés para festexar o Día das Letras Galegas. A Illa, Meaño e Meis concentraron algunhas das propostas máis chamativas, estreando festa uns, en O Mosteiro; lendo a Vidal Bolaño sobre un galeón, na vila insular; ou recordando a todo un troveiro do Salnés, como foi o “Cego de Padrenda”.
De nome Eugenio Padín, os seus cantares foron sobradamente coñecidos a comezos do século XX, especialmente no sur da bisbarra. Tanto, que o polifacético Castelao chegaría a inmortalizalo para sempre nun dos seus cadros.
Onte, o Concello de Meaño quixo aproveitar a efeméride da cultura galega para terlle a homenaxe que precisaba. Ante a casa de cultura de Padrenda tivo lugar a presentación do libro editado pola Deputación que recolle un traballo de investigación sobre a súa vida e a obra, elaborado por Manuel Paz. Ademais se descubriu un monolito creado polo escultor Lucas Míguez que o amosa coa súa zanfoña, bastón e sombreiro, acompañado dun lazarillo, con boina e tocando a pandeireta, réplica dunha imaxe do fotógrafo Francisco Zagala que se pode contemplar no Museo de Pontevedra. No acto participaron o presidente, Rafael Louzán, a alcaldesa, Lourdes Ucha Varela, e familiares directos.
Louzán explicou que con estas accións preténdese “recoñecer, non só a entrañable e importante figura de Eugenio Padín, senón tamén a de todos os xograres populares que, coma el, difundiron por Galicia adiante noticias, relatos, historias e aconteceres que, cun estilo literario, musical e popular, perante moitos anos, concitaron a atención das xentes en vilas, feiras, festas e pobos galegos”.
Namentres, en A Illa, a Asociación Cultural Dorna volveu botar os seus barcos tradicionais logo dun longo inverno en terra. É este un dos máis emotivos momentos, mentres soa a Antiga Marcha do Reino de Galicia. O actor Carlos Blanco subíu ao Rei do Mar, galeón estrela da Escola de Navegación da Asociación, para ler o artigo que o homenaxeado onte, Roberto Vidal Bolaño, publicara hai anos na revista de Dorna.
En Meis, a Agrupación Folclórica O Trevo, organizou no Campo da Feira de O Mosteiro a I Xuntanza das Letras, una nova festa na que se preparou un xantar de confraternidade e unha completa relación de actuacións tradicionais.
O evento rematou co reparto de agasallos, volumes do libro de poesía sobre Meis que escribeu o profesor e historiador Mario Gallego.
As propostas lúdicas e culturais con motivo do Día das Letras Galegas aínda continuarán nos vindeiros días.
O domingo, en A Illa de Arousa, actuará o coñecido músico Xosé Manuel Budiño, que presentará o seu novo disco “Sotaque”; e o día 24, , Teatro de Aquí, a compañía de Bolaño, representará a súa obra “Criaturas”.