Emerxencias Ribeira realizou máis de 400 intervencións en só un ano

Emerxencias Ribeira realizou máis de 400 intervencións en só un ano
O alcalde, Manuel Ruiz-Rivas, acodeu á recepción do novo equipamento | cedida

O Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal de Ribeira (GAEM) realizou ao longo de todo o ano pasado un total de 411 intervencións. Unha cifra que, segundo sinalan dende a propia administración local, coloca á capital barbanzá como sede dun dos grupos de emerxencias máis activos de toda Galicia. Os datos foron ofrecidos no marco da presentación do novo material que o Concello de Ribeira vén de recibir da Xunta de Galicia a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. En concreto recepciónase unha furgoneta subvencionada pola Dirección Xeral de Administración Local e unha tenda de campaña que servirá como posto de mando avanzado.


O alcalde da localidade, Manuel Ruiz-Rivas, manifestou respecto ao número de intervencións realizadas no 2020 por esta agrupación de emerxencias que a maior parte estiveron relacionadas coa asistencia e intervención en accidentes de tráfico ou outras incidencias no tocante á circulación. No listado de accións tamén se atopa a recollida de animais na vía pública, a participación en operativos planificados e tamén as intervencións que se levaron a cabo con motivo do Estado de Alarma e dos protocolos por coronavirus. De feito os efectivos do GAEM participaron na distribución de mascarillas, desinfeccións, reparto de medicamentos entre persoas confinadas ou control dos mercadillos. A maiores 40 intervencións tiveron que ver coa colaboración en extinción de incendios.


Coas cifras de intervención na man o alcalde ribeirense destacou o acerto de crear no seu día a nivel municipal un grupo de emerxencias propio para atender toda clase de incidencias e axudar dende o ámbito das súas competencias a contar con un municipio máis seguro.


Cabe recordar que o grupo de Emerxencias colabora man a man e en todo aquelo que precisen ou para o que son requeridos polos axentes das forzas de seguridade que operan na localidade. 

Emerxencias Ribeira realizou máis de 400 intervencións en só un ano

Te puede interesar