Noticia de axencia chamada a ocupar espazo marxinal nos diarios: “Un estudante de secundaria destapa un erro no mítico Dicionario Larousse”. Tema menor, certamente. Intrigante, iso si. Afondemos no asunto, onde nomes e lugares non veñen a conto. ¿Cómo pode unha marca editorial centenaria e de tanto prestixio cometer fallo así?, mais aínda sendo precisamente nun instrumento de perfección lingüística. Unha primeira consideración, seguramente errada, levaría a concluír que a citada empresa editora, aproveitando a reforma laboral, prescindiu dos correctores contratados no cadro de persoal á procura de maximizar beneficios en troques de coidar a calidade do produto. Non sería nada raro, están a facer isto moitas e moitas firmas comerciais. As publicacións xa non se tratan co cariño tradicional. Hoxe en día manda a velocidade, as cousas feitas á présa e co menor custo posible. Xa non se compite cos outros dicionarios, enciclopedias e manuais convencionais. Agora consúltase na rede, Wikipedia, WordReference, Diccionario RAE, Galipedia, Dicionario RAG e outros “punto com” que xa son da familia. O mundo mudou moito, certamente que si. Indo novamente á noticia que conta como ese neno devorador de dicionarios pasou á heroicidade mentres estaba a ser obxecto dun pedagóxico castigo que pretendía rehabilitalo da súa adicción ao fracaso escolar. Cóntase da súa devoción polo dicionario e polo mundo máxico da palabra, por máis que así enfronte ás estratexias da reforma educativa que nos anuncia o ministro Wert a propósito da futura Lei da Calidade Educativa orientada á uniformización cultural e lingüística, como tal contraria á diferenciación persoal e dos ámbitos territoriais con idioma propio. Para este ministro montaraz, que se deleita coas touradas e cunha imaxe pública que mudou do liberalismo ao ultrafundamentalismo, este cativo fai mal, moi mal, en optar polo universo do vocabulario. Así só pode ser reflexivo, conciliador e soberano nas súas actitudes. Mellor un ábaco, induce ao cálculo, ao mecanicismo e á rutina. Non vaia ser. Un informe internacional que ven de saír á luz, sinala que os estudantes españois teñen un coñecemento “moi deficiente” en Lingua, Matemáticas e Ciencias. Pero este neno é merecedor dun premio. E iso ven de comunicarllo a Larousse comprometendo corrixir a definición “vigégima” para a letra “Z” do alfabeto. ¡Bravo polo rapaz!