O tempo lixo en política

Nos deportes, casos do fútbol ou baloncesto por exemplo, chámanse “os minutos do lixo” a ese momento dos partidos no que todo o peixe está vendido e, sen embargo, hai que manter o tipo ata o final do tempo de xogo regulamentario. As regras son as regras, e por moito que se queira desesperadamente que o final chegue cando antes, hai que agardar ata o último segundo aguantando a treboada. Co estado psicolóxico e a moral de quen se ve derrotado con certeza absoluta, é momento para foguear a novatos e mandar, deste xeito, unha mensaxe de ficticia esperanza aos seareiros.
Nas metáforas da vida cotiá, atopamos un perfecto caso identificábel nos movementos do Partido Popular a respecto da resposta interna que vén de adoptar como reacción diante do resultado desfavorable das pasadas eleccións municipais e autonómicas. É o seu propio tempo lixo no que ve esfumarse as opcións para acadar o suficiente respaldo electoral que lle permita continuar á fronte do goberno estatal, após os comicios que, inevitablemente, deberán celebrarse antes de que remate o ano. Vese que aspira, coma moito, a ser a opción máis votada; moi lonxe da maioría absoluta. Vista a dinámica creada polos acordos entre as forzas políticas alternativas, ao partido hoxe gobernante, cortándolle o paso á máis grande parte dos ámbitos de poder territorial (Concellos, Deputacións e Comunidades Autónomas) das que foi afastado ao construírse pactos que sumaron os votos necesarios para conformar unha nova maioría suficiente para gañar as alcaldías ou presidencias sometidas a elección nas súas convocatorias plenarias; a probabilidade futura de acadar un grande acordo, á alemá, coa posible segunda forza en escanos parlamentarios, é un camiño sen saída.  
Confiar o futuro electoral á imaxe e comunicación das e dos novatos que entran, á desesperada, no partido; agardar tensión, conflito interno e graves fallos na xestión dos gobernos que rematan de estrear o seu mandato, amplificados con intensidade na propaganda e nos medios de prensa afíns para crear unha corrente de opinión pública que aprecie “caos” na alternativa política; constituirán, con certeza, focos prioritarios sobre os que pivotará a xestión da campaña nos próximos meses.
Aínda así, non é garantía de éxito no limitado obxectivo de procurar ser o máis votados. Porén, se o logran: Como gobernar, co resto das forzas á contra?. A tentación de mudar de urxencia a Lei Electoral está petando na porta de Rajoy. Así, amañaría o resultado. 

O tempo lixo en política

Te puede interesar