Dicía o gran Iñaki Gabilondo hai uns días que estaba empachado da actualidade. Non lle faltan razóns nin motivos. Unha sensación de pesadumbre plomiza percorre calquer intento de comprender moito do que ocurre. Incluso, coma se dun pesadelo se tratase, os días en que esta actualidade pareceu distanciarse da maldita pandemia e o griterío ao seu arredor foi para persistir na tediosa e teimuda manía de pensar que cando neva en Madrid o fai en toda España, e que todos debemos saber onde está a calle Alcalá ou o barrio de Hortaleza aínda que por aqueles lares non teñan nin idea do bonita que é a praza de Fefiñans ou o Mosteiro de Armenteira.
Pero si, a actualidade empacha, e un ve como se suceden día tras días as ganas de protagonismo e de guerracivilismo de caras xa demasiado coñecidas. Moitos presidentes autonómicos pedían durante a primeira onda que o Estado lles deixase a xestión da pandemia, os mesmos que hoxe claman porque o Estado non asuma o mando. Os que votaron contra o Estado de Alarma hoxe piden confinamentos absolutos. Os que defendían os confinamentos totais hoxe din que non se pode afogar a economía. Os que antonte sabían de pandemias, onte sabían de temporais, hoxe de vacinas e mañá serán expertos en economía australiana. Algúns tristes e lamentables aproveitan cargos de influencia para poñerse unha vacina que non lles corresponde, pero soamente son criticados segundo o lado para que mires. Os que hoxe din branco, mañán dirán negro. E así van pasando os días, e xa vai un ano deste desastre que nos puxo a todos boca arriba.
Con todo, a miña convicción impídeme disparar, porque si, contra “a política”. Porque non é ese o problema. A mala política o é, si. Pero a política é que a Unión Europea financie investimentos acordados para a recuperación e que poña cartos para centos de millóns de vacinas, que gracias ao acordo entre Ministerio e Consellerías están sendo eficazmente distribuidas. Política é que existiran ERTES, ingreso mínimo vital ou axudas ao cese de actividade na primeira onda, aínda que non se ve continuidade agora. Outra cousa é que existan quenes sempre teñen un culpable, que é o outro, o de enfrente. Pero eso non é política, é partidismo. Que é a política mala, sexa nova ou vella.
Pero certo é que todos pidamos altura de miras e unión, pero que nunca se mire ou valore a quen renuncia a ser destructivo. O periodista Ángel Villarino escribía, hai meses, un fascinante artigo titulado “Por que non hai motivo para ser Ángel Gabilondo”. Se vostede non lembra nada del é porque Ángel Gabilondo é o político que decidiu non ser destructivo en Madrid contra Díaz Ayuso (que motivos hai) porque afirmou que era mellor gañarlle ao virus que gañar un goberno. Hoxe chóvenlle críticas por non ser furibundo opositor. Por iso non compensa ser Angel Gabilondo. E iso tamén empacha.