Paciencia franciscana

Coa redundante imaxe do sinistro dese maldito tren que se estampou na curva de A Grandeira, a dor polas vítimas desta traxedia humana, cheos de orgullo pola solidariedade cidadá simbolizada na veciñanza de Angrois e a esixencia de coñecer a verdade sobre as causas que provocaron este fatal suceso, comezamos un novo mes que ven marcado no seu inicio pola tan agardada comparecencia do Presidente Rajoy. Mais, este mes de agosto representa o comezo dos actos conmemorativos da peregrinación a Compostela do santo Francisco de Asís, fará oitocentos anos no vindeiro 2014, para construír o actual convento que leva o seu nome, expandindo así a presenza da súa nova orde relixiosa entre a nosa comunidade. Conta a tradición oral que para elo valeuse dun carboeiro, chamado Cotolai, que lle dera apousento na súa casiña do Monte Pedroso. Fose así, ou non que para o caso dá igual, a celebración deste aniversario é unha grande oportunidade na que a Xunta ten posto o seu ollo. O santo fundador da Ordinis Fratrorum Minorum é todo un símbolo de rebeldía que deixou a situación dunha familia acomodada para liderar a causa dos máis desfavorecidos. Nun contexto histórico no que a relixión marcaba, total e absolutamente, a vida social das persoas, enfrontou co seu modelo de conduta os vicios dunha Igrexa á deriva, afectada por vicios e comportamentos impropios do mandado evanxélico. Como transgresor, foi pioneiro en moitos aspectos de causas que, aínda hoxe, son problemas de primeiro orde para o mundo moderno. Vexamos. Pola súa devoción aos animais como criaturas de Deus, foi abrazado pola cultura do escultismo particularmente pola relación cara aos lobos. É o patrón dos veterinarios e dos profesionais do ámbito forestal; e, por extensión, dos movementos ecoloxistas que empeñan os seus esforzos no coidado da natureza e do ambiente. O “probe de Asís”, pola súa capacidade infinita para reconciliar todo e con todos, é viva expresión do ecumenismo que procura a relación fraternal entre todas a crenzas do mundo, e como tal defensor da pluralidade de opcións como valor do ser humano. Aínda hai máis, moito máis, no seu currículo de achegas a favor da humanidade. A tentación de converter a conmemoración nun Xacobeo de matute, agardando réditos económicos e de publicidade, é evidente. Fronte a iso, paciencia franciscana.

Paciencia franciscana

Te puede interesar