O vento que zoa

Zoar é un verbo galego intransitivo que nos indica ese ruído xordo e continuo que produce o vento, e tamén certos insectos e outras manifestacións do estrondo e da contaminación medio ambiental. No é o único significado porque, ao antes dito, suma a indicación do efecto que para o oído humano representa a percepción dun xeito de ruído seco e persistente que xeralmente non existe. 

Porén, sen dúbida algunha, este título da colaboración xornalística é herdeiro da metáfora poética que Rosalía de Castro plasmou no poema “Negra sombra”, simbolicamente escollido como banda sonora para acompañar o acto emotivo que as institucións representativas da comunidade galega dedicaron, en solemne marco conventual,  ás vítimas mortais da  pandemia vírica, nunha cerimonia civil e relixiosa na que tamén se lembrou ás persoas imprescindíbeis do ámbito laboral sanitario e outras complementarias na atención aos doentes desta epidemia de saúde pública que lonxe de remitir na súa intensidade está a mostrar a crúa realidade dun proceso que, mágoa diso, vai precisar aínda moito tempo de precaución, medidas de contención e sentidiño común elevado á máis grande intensidade social, maxistralmente expresado na citada creación da máis sobranceira poetisa galega: Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras, ao pe dos meus cabezais, tornas facéndome mofa. Cando maxino que es ida, no mesmo sol te mostras, e es a estrela que brilla, e es o vento que zoa… En todo estás e ti es todo, para min e en min mesma moras, nin me abandonarás nunca, sombra que sempre me asombras.

Este vento que zoa, na visión alegórica da expresión, está na antítese do vaticíneo que un concreto  ministro do goberno estatal que aquí non vén a conto nomear desenvolve nun seu artigo de prensa baixo o título de “cambia o vento” para crear un falso optimismo sobre a evolución próxima deste fenómeno de contaxio vírico que soporta o mundo planetario. Nesta pandemia aínda está moi lonxe o día no que podamos apelar ao título “o que levou o vento”, alusión do cine que ten a ver na actualidade coa morte dunha centenaria actriz que puxo cara nun filme absolutamente contrario aos valores cívicos e morais dun sistema político que sexa respectuoso cos dereitos humanos actuais. 

Aquí, neste asunto sanitario, a actuación das autoridades públicas pide unha “virada do vento” no seu chamado á cidadanía, preparando á opinión pública para unha previsión na que a “mudanza do vento” vai tardar, con ou sen vacina milagreira, evitando así a desmoralización da xente suscitada por falsas esperanzas que son causa de temeridade incívica.

Diante dunha situación na que a cantidade de novas persoas contaxiadas polo Covid-19 aumenta de xeito alarmante, precísase dunha máis responsable actuación dos gobernos á hora de potenciar os servizos sanitarios e do ámbito escolar, incrementando o seu persoal e dándolles a estabilidade laboral que é necesaria para asegurar o seu imprescindible labor a favor da xente.

O vento que zoa

Te puede interesar