Coa Vieira chega o Nadal a Arousa...

A chegada do Nadal márcao no sur da provincia o prendido das luces e os adornos nas principais rúas da cidade olívica mentras que no norte, máis concretamente na Ría de Arousa, o sinal inequívoco de que estas datas especiais se achegan é o inicio da campaña da vieira que este ano ten unha rivalidade especial entre os mariñeiros de Cambados e os de Rianxo.

As primeiras xornadas saldáronse, como non podía ser doutro xeito, coa totalidade do cupo cuberto, marcado nunha tonelada diaria que será aumentada a tres na vindeira semana. O tamaño das vieras recollidas parece que fan prever unha boa campaña de Nadal pese a que houbo quen considerou un erro que “a ansia” ou precipitación dos de Rianxo en facer labores extractivos na primavera provocaría un mal resultado agora no inverno. Cando comecen os rianxeiros cos seus labores extractivos comprobarase empíricamente quen tiña razón.

O emprego asociado á campaña de Nadal enfocado á evisceración e envasado da vieira comeza tamén de xeito paulatino aínda que se agarda que, a medida que se aproximen as datas especiais, esta contratación aumente considerablemente para abastecer tanto aos mercados locais como aos nacionais.

A presenza do mal tempo, os temporais e as continuas borrascas xogarán un papel fundamental nesta campaña de Nadal que se ve moi mediatizada polas condicións metereolóxicas a diferencia doutros anos onde a incertidume da presenza de toxina facía dubidar sobre as posibilidades de éxito da vieira, como irmá maior, das zamburiñas e as volandeiras que tamén nestas datas logran un protagonismo especial.

A ordenación e a explotación sostible do recurso volve a estar detrás da profesionalización e das garantías de éxito da explotación dun molusco de especial relevancia para a economía extractiva da Ría de Arousa e, sobre todo, para os que conforman a Confraría de San Antonio de Cambados como pósito de indubidable referencia á hora de falar da vieira.

Atrás quedan anos de enfrontamentos e falla de planificación que levaron a situacións límite ao sector da vieira e hoxe, aparentemente, goza de boa saúde dentro dun plan global de aproveitamento dos recursos mariños que desde a Confraría de Cambados se está a levar a cabo. A profesionalidade e o control do recurso, xunto a unha cada vez mellor comercialización e abastecemento ordenado dos mercados son a garantía de futuro para unha actividade que dá de comer a moitas familias en Arousa, ou non?

Coa Vieira chega o Nadal a Arousa...

Te puede interesar