Rosalía é unha rosa de cen follas, boa metáfora que nace da expresión de Carvalho Calero, un autor co que a nosa poeta nacional comparte rebeldía e frustrado intento de esquecemento programado polo poder académico e político, anulado pola porfía dos bos e xenerosos en manter viva a súa contribución intelectual na construción da identidade literaria e política do país. Por iso, cada 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, celebramos o Día de Rosalía de Castro por iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, seguidos por unha manchea de entidades e institución culturais e sociais coa proposta á cidadanía para que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da xente, e moi especialmente pola comunidade educativa. Conmemoración que non é festa baldía se non que busca a reflexión, orientada por un manifesto que sitúe á autora de “Follas Novas” nos tempos de hoxe en día. Oportunidade para pór foco na lacra da emigración forzada, convertidos en “errantes polo mundo”.
Cada pobo, cada país conta con símbolos que lle outorgan identidade propia. A de comunidade nacional diferenciada das outras. Velaí o papel do idioma, das bandeiras, dos himnos e das institucións que forman parte esencial do patrimonio colectivo. Tamén a da historia propia, das lendas e tradicións que modelan o imaxinario colectivo; das paraxes singulares, dos monumentos relevantes e dos persoeiros que conforman as iconas nas que se reflicte o ideario e valores da xente. Rosalía de Castro, forma parte destacada dos nosos. É símbolo vivo e actual. Necesario.
Rebelde, transgresora, militante na causa das mulleres a prol da súa emancipación, galega que dignificou o idioma propio iniciando un tempo de esperanza para a valorización e prestixio social da nosa cultura. Así, coa súa obra poética denuncia a miseria, a pobreza e a emigración masiva á que estaba fatalmente predestinada a xente labrega da época. Sensibilidade social que vai parella á vida interior da persoa doente e atormentada que se expresa en “Cantares gallegos”, o libro iniciático do Rexurdimento literario, cultural e político deste país. Temas de hoxe en día.Teimosos.
Rosalía, cada novo ano, coa celebración do seu día conmemorativo, gana presenza na rúas e prazas do país que se enchen de numerosos e variados actos de lembranza a favor da memoria dunha figura sen igual “na capacidade para mesturar e atender a perspectiva individual e íntima á par dos dramas e comportamentos sociais” expresada en múltiples rexistros e formas con inimitábel densidade no aspecto comunicativo froito da observación sensíbel do seu arredor polo sufrimento humano e das aspiracións á felicidade, nunha dimensión universal, á que teñen dereito tódalas persoas, porén pola inxustiza social é negada para a meirande parte. Denuncia vixente.