Di o cancioneiro: se vas ao Convento de Herbón, mira para o lado dereito, verás ao Santo Antón deitar auga polo peito. Certo, mais tamén unha institución case milenaria que aposta por unha vía social e cultural para asegurar o futuro deste complexo monumental, no marco dunha paraxe natural de valor incalculábel, que goza da consideración de Ben de Interese Cultural.
As orixes desta institución están ancoradas no século XIV, fundado como lugar de retiro para os “frades da pobre vida”, primeiro co nome de convento de San Francisco e máis tarde co de San Antonio, advocación á que continúa fiel na actualidade. A partir de 1701 foi colexio de misións. Aquí pasaban, para formarse, misioneiros que logo irían parar a diversos territorios da América Latina. Unha viaxe de ida e volta que, entre moitas outras experiencias e cousas, traería á ladeira padronesa do Río Ulla o afamado Pemento de Herbón que hoxe en día goza do amparo de denominación de orixe protexida, fonte de riqueza para a cidadanía desta parroquia.
Na longa traxectoria de varios séculos houbo de todo, tamén tempos malos para a casa conventual que sumaron a invasión napoleónica, a etapa da Desamortización coa exclaustración dos frades, a conversión nun centro de reclusión para clérigos liberais e momentos de abandono, superados grazas ao protectorado do Concello de Padrón. Ata o retorno dos frades franciscanos a Herbón, en 1885, nos catro lustros anteriores estivera rexido polo Arcebispado de Compostela que estableceu aquí un seminario menor, labor que continuaría a Ordo Fratum Minorum, como centro educativo que ocuparía a historia contemporánea acollendo, en total ata 1994, a non menos de tres mil alumnos, basicamente fillos de familias do mundo rural galego e de outras xeografías próximas, que atoparon aquí a oportunidade de formarse nos libros e como persoas.
Agora, baixo a dirección da O.F.M., unha Fundación da que turran os antigos alumnos, as xentes que impulsan proxectos sociais integrados no centro e outras persoas de ben busca asegurar a conservación e rehabilitación do Convento coa “difusión e fomento dos valores “ que integran o seu legado espiritual, histórico e patrimonial. Reforzar a función de albergue de peregrinos, crear un museo e catalogar o fondo bibliográfico e documental son tarefas que forman parte dos obxectivos que agardan pola necesaria achega de recursos económicos, técnicos e humanos. Por iso, se vas ao Convento de Herbón mira, tamén, para o lado esquerdo.