Prognose da cultura galega

|

O conselleiro responsábel da política cultural vén de recibir un extenso e rigoroso análise, coordinado polo Consello da Cultura Galega, titulado “Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI”. Máis de catrocentas cincuenta páxinas que representan unha radiografía da situación dun sector que, á par que fundamental para o noso patrimonio de identidade colectiva, é tamén unha ferramenta básica da economía e do emprego no país. Porén, tocando fariña no asunto é preciso facer unha intromisión na linguaxe médica para situar a cerne do que está en xogo. E niso, o enfermo non goza da saúde que pode e deber amosar.
Sabemos que diagnose é substantivo feminino que nos indica o coñecemento do estado psicofísico dun organismo visto a través da observación de diversos signos de exame e comparación con outros individuos considerados sans. A súa vez, o tamén substantivo feminino prognose, na súa acepción relacionada co mundo clínico, é xuízo hipotético polo que o médico prevé o curso final dunha doenza e todas as eventualidades posíbeis. Habitualmente utilízase o seu sinónimo equivalente de prognóstico. Para o caso aquí tratado é indiferente a súa expresión. Fica o proceso determinante: a medicación ou tratamento. E dicir, a prescrición, a receita á procura da cura definitiva dunha doenza valorada como necesitada dunha terapia axeitada ao mal. 
Velaí, entre as actuación prioritarias que cumpren seren acordadas polo goberno galego, pídese incrementar o orzamento que a Xunta dedica a Cultura, a de coordinar e integrar máis as políticas culturais das diferentes administracións, a de mellorar a presenza da cultura galega no exterior e asumir os retos da dixitalización, ademais de reforzar as bibliotecas públicas municipais. Esa é, nunha síntese moi reducida, a proposta de liñas mestras que propón o documento, accesíbel en rede na web desta institución de carácter consultivo e rango estatutario que ten atribuídas competencias para investigar e valorar necesidades culturais do pobo galego, asesorar e consultar aos poderes públicos da comunidade autónoma a prol da defensa dos valores culturais.
No citado informe considérase que “os recortes no gasto público en cultura son demasiado agresivos para un ámbito social que é de protección permanente”; e confirma que “estas baixadas no gasto público indican que a cultura se atopa nos últimos postos nas prioridades dos políticos que dirixen todas as administracións dende o inicio da crise económica”. Pódese dicir máis alto pero non máis claro. Os datos traballados por un gran número de persoas coñecedores da plural e variada realidade do sector cultural e das súas áreas de relación transversais alertan da necesidade de actuar sen demora. O peche anunciado de “blogaliza”, un proxecto cultural pegado ás novas tecnoloxías da comunicación é outra chamada de atención máis. 

Prognose da cultura galega