BIENIO NEGRO

Falar de bienio negro, na política española, até agora sempre representou unha referencia popular ao período da Segunda República que se inicia coas eleccións de novembro de 1933 e remata coas de febreiro de 1936, plebiscito que recuperou a tendencia progresista coa que comezara este singular tempo histórico. Ese lapsus do bienio negro é sinónimo do goberno da dereita, na súa versión máis o menos extremista, que dedica o seu esforzo á contrarreforma das conquistas e logros acadados polo executivo progresista que os precedeu. Etapa escura, inestable e contraria aos intereses da maioría social que provocou gravísimos conflitos, e máxima tensión, co movemento sindical e coas comunidades catalá e vasca.
Estamos, pois,  de aniversario redondo. Van alá, precisamente, oitenta anos do inicio desta fase da historia común que, casualmente, coinciden co segundo aniversario das eleccións ganadas polo Partido Popular, a dereita gobernante hoxe en dia. Salvando o feito diferencial da duración do goberno, de rápida rotación nos gobernos conservadores da República, e de teimuda resistencia no caso actual pese ao queime irreversible de varios dos ministros e ministras; a comparanza entre ambos períodos é máis que evidente.Semella que os idus de novembro están actuando, nunha conspiración fatal, contra do interese da cidadanía, encarnados en políticas económicas e sociais que teñen como obxectivo final rematar co cativo estado de benestar social, e cos servizos públicos, que tanto custou acadar.
Botando unha ollada cara atrás, ninguén podía imaxinar que do programa electoral que serviu para conquistar unha folgada maioría parlamentaria, podería derivarse tal contradición na actuación política. Nin tan grande cantidade de despropósitos. España ten sufrido, nestes dous anos, o máis grande retroceso económico e social dos tempos modernos sen que elo teña relación coa crise que ven soportando o mundo occidental.
Impostos abusivos á clase traballadora, precariedade laboral coa notoria perda de poder adquisitivo por mor da redución de salarios e cifra de parados en niveis record; e, consecuencia desto, menor nivel de consumo que, sumado a falta de creto, leva á creba e peche de empresas e negocios nunha espiral sen saída. Rescate bancario a pagar a escote entre todos, débeda pública a piques de chegar ao cento por centro do PIB, cun terzo da cidadanía no índice da pobreza. Máis que bienio, burato negro.

BIENIO NEGRO

Te puede interesar