Está claro que non se pode dicir “desta auga non beberei” e que para algúns políticos de raza optar pola xubilación anticipada non vai no ADN deles. Este é o caso de José Manuel Cores Tourís, un veterano home da política arousá que aínda ten outro capítulo máis por escribir e non será desde o Pazo do Hórreo senón desde o edificio da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa.
Cando todos prognosticaban que o “León do Salnés” ía ter un máis que “merecido descanso” acompañando esta lexislatura a Alberto Núñez Feijóo na súa maioría histórica, decidiu aceptar un “novo cáliz” que lle ofreceron desde a Xunta para lidiar, por enésima vez, nunha difícil area político-económica como é a rada arousá.
Nada máis e nada menos que un cambadés estará desde agora á fronte da primeira empresa de Vilagarcía en canto a número de traballadores e de tráfico de mercadorías e movementos económicos. Unha noticia que non produciu o mesmo sentimento na vila do albariño que na Perla de Arousa, por motivos obvios, relacionados con trasnoitados conceptos localistas do pasado sen sentido práctico.
Tradicionalmente, ata a chegada da súa antecesora Sagrario Franco, a Autoridade Portuaria concebíase como un baluarte (e mesmo un trampolín) que servía de atalaia para un férreo marcaxe ao inquilino de turno en Ravella e modelo antagónico de xestión nos momentos de máxima tensión entre ámbalas dúas administracións.
Como dicía sempre un antecesor no cargo a Tourís: “Vilagarcía é unha gaiola de ouro chea de paxarracos” en referencia á falla de empatía entre os distintos gobernos de Ravella e a Autoridade Portuaria.
Cores Tourís, despois de pasar con nota polo Concello de Cambados, ser senador en dúas ocasións e delegado territorial da Xunta en Pontevedra, acomete coa consabida ilusión a súa nova responsabilidade ligada aos designios económicos da comarca de Arousa marcada por un futuro incerto polas consencuencias derivadas da pandemia da Covid-19.
Agora queda por ver cal vai ser a relación que vai ter, nesta nova etapa, o Porto de Vilagarcía co Concello da terceira cidade da provincia, e viceversa, gobernada con maioría absoluta polo socialista Alberto Varela, presidente tamén da Fegamp. Ámbolos dous terán baixo a súa responsabilidade estreitar ao máximo as relacións institucionais para lograr, entre todos, o progreso e o futuro desta terra, ou non?