O venres negro das pensións

|

A terceira reforma do sistema de pensións nos últimos cinco anos xa está camiñando. Dicir reforma e falar dun eufemismo de máis recortes tanto na contía nominal como especialmente na do poder adquisitivo que non fai máis que baixar e baixar, pola porta de atrás facendo trampas coa suba dos produtos e servizos básicos que necesitan as familias; chámense luz, bombona de butano, subministro de auga ou comestíbeis de todo tipo. É o timo do 0,25 por cento que permite manter a propaganda dun incremento anual que na realidade monetaria non é tal. Porén, veñen tempos de máis recortes, sabémolo todos. Tamén que existe alternativa para mellorar o sistema.
Continuando coa traxectoria descendente que iniciou aquel mal nacido Pacto de Toledo e coa ollada posta sobre o efémero Fundo de Reserva, preto de completar a data de caducidade coa extinción da parca cifra de recursos que resta por tirar da caixa, a ministra de Emprego e Seguridade Social semella ter asistido, coa súa comparecencia na Comisión de Seguimento e Avaliación dos Acordos do pacto antedito, ao corte da cinta inaugural do novo proceso negociador que pretende acadar a complicidade das organización sindicais, xunto á patronal empresarial e á representación política do goberno e acólitos na cerimonia dun novo arranxo formal en pensións.
Algunha das manifestacións explícitas e das mensaxes emitidas, dan boa conta de por onde veñen os tiros. Para comezar, tomemos nota da expresión “contributividade do sistema”; e dicir, un novo modelo de cálculo que xustifique con datos matemáticos o porqué dunha pensión máis baixa. Logo, para ir preparando á opinión pública, non deixa de lembrarse que a equivalencia da primeira mensualidade como pensionista representa unha porcentaxe do oitenta por cento a respecto da última nómina como traballador, fonte ao 52 por cento da media dos países da OCDE. Mágoa que aos datos reais amosen unha situación na que a pensión media española é de 909 euros mensuais e no caso galego só chega a 767 euros; e dicir, un quince por cento menos.
Coa boca pequena recoñécese a necesidade de tirar do orzamento estatal, canto menos para evitar a sangría que soporta o sistema público de pensións pola decisión de cargar á Seguridade Social a política de tarifas planas para plans de emprego, os réximes deficitarios, os pagos de viuvez e orfandade; moi probabelmente coa figura dalgún novo imposto á clase traballadora. Avisados estamos, o sistema de pensións entra no tempo das rebaixas. É o seu venres negro. 

O venres negro das pensións