Os petróglifos, un patrimonio galego para a humanidade

O anuncio feito por parte do Concello de Vilagarcía de Arousa de que encargará a unha empresa especializada en materia arqueolóxica a localización, sinalización e posta en valor dos petróglifos existentes no Monte Xiabre é un motivo de satisfacción para todas aquelas persoas que levan tempo loitando para que se faga un recoñecemento activo desta singular arte rupestre que adquire en Galicia dimensións especiais e únicas en todo mundo.

Moitos arqueólogos levaron un traballo constante e insistente para que a Unesco recoñecera aos petróglifos galegos como Patrimonio da Humanidade debido á súa singularidade e necesidade de seren sometidos a unha protección especial para poder non só preservalos senón polos en valor como elementos de dinamización turística e, por conseguinte, económica así como polo seu valor intrínseco como pezas fundamentais na nosa historia como pobo.

Que non farían británicos ou franceses de posuír un patrimonio similar. Xa non falo do “chovinismo” galo senón tamén do orgullo patrio dos fillos da Gran Bretaña á hora de defende-lo seu pasado... Nembargantes,  nós temos estas xoias en estado de abandono permanente a mercede moitas veces de silvas, fentos e especies pirófitas invasoras como acacias, xestas e eucaliptos que agroman nas súas entrañas turrando con elas ata arruinalas e esnaquizalas para sempre. Sen esquecer, claro está, o perigo constante de incendios e os problemas derivados da actuación indiscriminada e indolente do ser humano cando ten que facer unha estrada, unha infraestrutura ou mesmo, en tempos pasados, cando tiña que facer acopio desmedido e sen escrúpulos de pedras singulares como motivo decorativo para unha casa ou mesmo como vulgar morrillo.

Neste caso, a decisión de investigar, actuar e mesmo recuperar do esquecemento os petróglifos existentes no Monte Xiabre é hoxe unha moi boa noticia que anima ás persoas que adicaron a súa vida a defender, estudiar e protexer estas manifestacións artísticas milenarias, froito do misterio e da intención dos nosos antergos, vexan deste xeito recoñecido dalgún modo o seu esforzo e desvelos.

O pobo que non lle dá aprezo aos vestixios do seu pasado está condeado a desaparecer e ser borrado da face terra ao igual que fai el coa herdanza recibida, como si dunha auténtica plaga bíblica se tratara, ou non?

Os petróglifos, un patrimonio galego para a humanidade

Te puede interesar