A CASIÑA DO CAN

Entre os chistes, froito dos estereotipos que se atribúen ás xentes dun ou doutro lugar da xeografía, están os da rivalidade veciñal. Pasionais, ofensivos e intensos, tal como si fose o xeito de relación entre seareiros de equipos deportivos enfrontados en partido decisivo. A modo de exemplo, véxase unha ficticia conversa entre dous vascos a respecto da escultura conceptual colocada fronte ao Guggenheim, un can de gran formato coroado por un ramo floral. O primeiro, guipuzkoano, di: “Oe Patxi, vaia cacho can tedes plantado fronte á ría, eh”. O outro, biscaíno, non se arreda: “Si, si, grande. ¿E que me dis da casiña que fixemos detrás para o can?”. Mira ti por onde. O can é unha subespecie da familia dos lobos, domesticado polos humanos que trocaron o seu comportamento libre en docilidade, de xeito que son capaces de actuar servilmente seguindo ordes dadas polos amos. Magnífica metáfora para entender o encontro celebrado neste afamado museo de arte contemporánea, co rótulo de “Global Forum Spain”, subtitulado “España: da Estabilidade ao Crecemento”. Para simplificalo mellor, un acto propagandístico do goberno pepeiro dentro dos actos preelectorais das Europeas de maio, coincidente no tempo coa celebración do Entroido, que ven puidera chamarse “o enterro da recesión”, versión política do “enterro da sardiña” que se conmemora estes días por todo o País. Mais e todo, a imaxe de arranque co ministro De Guindos facendo unha alarde imprudente, para idade que ten, da capacidade de flexionar o lombo, nunha reverencia desproporcionada pero moi simbólica de submisión, diante da directora xerente do Fondo Monetario Internacional, arredor dun Rei que semella a súa figura de cera, deixa claro que sigue a ser o directorio da Troika quen fixa a liñas estratéxicas das políticas económicas, sociais e laborais que se van aplicar aquí. Por máis que o presidente Rajoy teña asegurado o fin da crise, iso si por decreto do goberno, o cumio de Bilbao é, máis ben, unha visita de inspección dos nosos verdadeiros gobernantes para avaliar o cumprimento da súa imposición en troques do rescate financeiro outorgado, aquí vendido como “préstamo en condicións favorables”. Lagarde e acólitos aceptan “fin da recesión como animal de compañía”, porén nada de “autocomplacencia”. Aquí, e agora, tocan máis reformas: Mercado laboral e salarios, redución das pensións, impostos indirectos  e outras. Deus nos colla confesados.

A CASIÑA DO CAN

Te puede interesar