O negacionismo mata

Hai anos que os paquetes de tabaco véndense con advertencias duras sobre as consecuencias, totalmente reais, de todos os males e doenzas que conlevan. A máis coñecida: O tabaco mata. Non foi sen discusión que estes avisos conseguiron superar o tempo. Agora a ninguén parécenlle molestar e, o que é mais importante, todos sabemos que son certos.


Os negacionistas deberían vir tamén con advertencia incluída. O negacionismo mata. E faino o negacionismo sobre o virus, claro, máis tamén o negacionismo climático e o que nega a existencia de violencia machista. Os negacionistas, que deben comprar un pack de ignorancia porque tenden a negar todas estas cousas xuntas, son perigosos porque usan a manipulación máis burda. Escollen a información que queren, coma se os datos ou os argumentos fosen un buffet libre, e montan un rompecabezas que non ten sentido para defender o indefendible. Non dubidan en asumir que son máis listos que os demais, porque eles son quen de atopar a “verdadeira información” mentres que os demais, pobres de nós, somos borreguiños e non nos da a cachola. Son os fantásticos librepensadores, que nos adornan coa súa intelixencia.


Pero, como diría Castelao, non se rían que o conto e triste. Hai máis de 2 millóns e medio de personas no mundo que faleceron por coronavirus e, mentres tanto, catro iluminados adícanse a berrar porque a súa visión máxica lles fai entender que é todo un complot. Milleiros de sanitarios deixándose a vida (literalmente) por sacar adiante cada día nunha UCI e un par de fillos de papá saltándose as normas en discotecas VIP. O conxunto dos mellores científicos do mundo traballando exclusivamente para unha vacina e dous tipos que non saben o que é un microscopio pretenden explicar que non da tempo a facela. Un señor na súa casa falando de ARN mensaxeiro coma se fose premio Nobel en química e unha xeira de ignorantes dando leccións de calquera cousa a catedráticos.


Ao negacionismo hai que desmontalo con argumentos, cos datos de como teñen descendido espectacularmente os contaxios e falecementos nas residencias dende que chegou a vacina. Tamén debemos investir en ciencia e profesionais sanitarios que afronten a pandemia, para ser máis eficientes aínda en combater os problemas de saúde. Os negacionistas, en realidade, son tres e o tambor, un número ínfimo entre unha inmensísima maioría sensata da poboación. Mais o que non debemos é alentalos, darlles motivos para discutir ou darlles voz para falar coma se fosen importantes.Por iso non toca obrigar a vacinar (non fai falta), ofrecerlles sofás nas tertulias televisivas e poñelos en igualdade de condicións que a ciencia apelando á igualdade de oportunidades. Porque o negacionismo fai circular o virus, contamina o planeta e mira para outro lado cando se agrede a unha muller. O negacionismo mata, e darlle alas é unha idea desastrosa. Se cadra, xa non debera ter escrito esta opinión.

O negacionismo mata

Te puede interesar