Metabolismo económico

Metabolismo é palabra que asociamos coa bioloxía para falar do conxunto de reaccións bioquímicas que se producen nos seres vivos, cun acento especial á hora de asociala ao proceso dixestivo da xente. Porén, este concepto serve tamén para botar unha ollada, con perspectiva alternativa de mudanza, ao sistema económico actual, baseado nun crecemento continuo do uso de materiais e de enerxías sen reparar nos límites ecolóxicos que, no marco da actual pandemia sanitaria mundial demostrou, unha vez máis, a súa gran fraxilidade á hora de conxugar a interacción negativa global entre factores sociais, ambientais e de saúde que puxo en crúa evidencia que o coidado das persoas e da natureza chocan de fronte co actual sistema da economía internacional. Non pode ser visto doutro xeito alén desa procura de crecemento continuo nun planeta finito causante de crises cíclicas que non só son económicas senón tamén de grande impacto negativo no social e no ecolóxico. Máis alá da simplificación informativa e da apreciación primaria das cousas debemos ser conscientes de que o virus que marca esta vaga de contaxios, o Covid-19, non chegou inesperadamente. A comunidade científica xa viña alertando do risco deste tipo de pandemias. Os mesmos factores que levaron á crise climática provocan a destrución de ecosistemas naturais e aumentan a probabilidade de que xurdan novas pandemias, advertencia que reitera por activa e por pasiva a Organización Mundial da Saúde e outras prestixiosas institucións científicas e medioambientais.


Os negativos efectos están á vista. Os seres humanos dependemos os uns dos outros, máis tamén da nosa relación coa natureza. A sustentabilidade da vida como a coñecemos pasa por un momento histórico crítico no que converxen diferentes crises globais: Clima, enerxía, diversidade biolóxica, coidados, pandemia. É, por tanto, tempo de cambiar de rumbo e de promover unha transición socio-ecolóxica que garanta tanto o benestar como a saúde a nivel mundial. A economía débese reestruturar para crear renda e postos de traballo. Tempo de mudar de indicadores estatísticos para analizar o desenrolo con outra perspectiva mellor. Un futuro máis equitativo e xusto no que é preciso coordinar accións individuais e colectivas a nivel social, as do sector privado de negocios e as das administracións públicas.


Ábrese a oportunidade de por en marcha investimentos estratéxicos a partir do fondos europeos, ocasión para acometer unha metamorfose do actual modelo produtivo, na busca dunha economía ecolóxica, equitativa, eficiente e, polo tanto, máis xusta.

Metabolismo económico

Te puede interesar