Retratos e ritmos do rural

frontamos o aniversario do confinamento xeral que se impuxo para frear o ritmo acelerado de contaxios do Covid-19, coa súa agravada incidencia nos ámbitos urbanos que concentran, aquí na terra próxima que habitamos nós e acolá no alén mar aínda con máis incidencia pola existencia de inabarcábeis urbes de provocan un ambiente artificial tóxico, causantes do colapso sanitario que levou a adoptar esta medida de illamento social como a menos mala das solucións, sabendo que con iso, lonxe de optar pola secular maneira de producir unha inmunidade grupal en base ao padecemento masivo da doenza, alongaríase no tempo a duración da pandemia sanitaria. Con certeza, no social e sanitario, foi unha estratexia correcta aínda sabendo do grave efecto económico e laboral que crearía, encadeando unha inmensa crise coas arrastradas aínda do pasado. Porén, o que resulta indiscutíbel é que a situación soportada e o ben fundado temor de que unha situación idéntica pode ser cousa a vivir en poucos anos, valoriza a vida no medio ambiente natural; e dicir, no entorno rural que vén ollando unha desertización do seu hábitat.


Estamos “nunha conxuntura na que a preocupación pola conciliación persoal, a convivencia co medio natural e a análise dos nosos ritmos vitais está experimentando unha reflexión intensa a consecuencia da pandemia e das outras crises humanas que non poden agocharse. Daquela, neste contexto, o traslado ao rural ou a núcleos de poboación máis reducidos preséntase como un garante de calidade de vida. O que noutrora fora deostado como antítese do progreso, contémplase agora como posible solución dos desequilibrios de demografía territorial”. Mágoa das políticas institucionais que non permiten fornecer e dotar dos recursos necesarios para facilitar a vida e traballo nestes currunchos de saúde e vida de calidade, tan próximo e á vez tan afastado.


Sen embargo, algo está a moverse, canto menos no tratamento cultural que vén de pór foco sobre dous aspectos da memoria retratada dun pasado que é rural, o ámbito natural de acubillo para o idioma e a cultura galega, sen desprezar a importancia que tiveron os movemento vilegos. Velaí, co impulso de Afundación, comeza a viaxe dunha exposición titulada “A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego”, un proxecto expositivo de múltiples disciplinas mediante o que reflexiona sobre as formas de vida vencelladas a este ámbito galego, a súa iconografía, a súa presenza na cultura contemporánea e a sostibilidade do medio natural; conxugando máis de setenta fotografías e arredor de corenta minutos de pezas audiovisuais que se conxuran como “instrumento pensado para fomentar o debate contemporáneo e revisión dunha realidade esencial para a conformación da identidade en Galiza”. Un fito que fai do país a primeira comunidade estatal en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo ministerio do ramo. Rural histórico, tamén na publicación do libro “O feitizo de Maruxa Roca”, pioneira na fotografía de autor. Natureza é saúde. 

Retratos e ritmos do rural

Te puede interesar