A nosa aldea gala

As eleccións autonómicas madrileñas ocupan cada día ducias de titulares nos medios de comunicación nacionais e tamén en medios rexionais. O feito de que a cidade de Madrid sexa a capital do Estado ten, loxicamente, moito que ver con este interese. A estratexia de Ayuso de opoñerse por sistema a todo o que se propón dende o Goberno de España tamén conseguiu un rédito inaudito en termos de comunicación. Porén, non son os únicos factores que provocan que os comicios en Madrid sexan máis atractivos para a opinión pública. Existe unha terceira compoñente que xustifica este interese: o grao de polarización existente nesta Comunidade.


Esta polarización, este xeito de facer política, converte os feitos en titulares atractivos e provoca que un debate electoral, que a priori se debería quedar no ámbito autonómico, teña eco, repercusión e alcance a nivel nacional. Porque a bronca e as descualificacións, mesmo persoais, ocasionan, lamentablemente, máis titulares que as propostas de goberno en positivo.


Proba disto, é que o segundo dos debates dos candidatos á Presidencia da Comunidade de Madrid foi noticia sen tan sequera celebrarse. O acontecido no estudio da Cadena Ser rebentou, literalmente, a campaña electoral en Madrid e o mais probable é que este incidente poda beneficiar aos partidos dos estremos do arco político ao polarizar, aínda máis se cabe, o voto.


O grao de polarización nunha sociedade é un factor clave que provoca que a opinión pública se divida en estremos opostos. Canta máis polarización haxa, menos doada será a posta en común e máis difícil será acadar amplos acordos entre grupos políticos con sensibilidades e propostas diferentes. En definitiva, máis difícil será que unha sociedade avance porque as posturas irreconciliables impiden chegar a consensos.


Moi diferente é o caso de Galicia, onde só tres partidos teñen nestes momentos representación na Cámara autonómica, o que a convirte na única comunidade de España que non conta con deputados na súa Cámara autonómica nin de Vox nin de Podemos. Unha auténtica aldea gala no medio da crispación que responde a unha clave, á forma de ser dos galegos: non responden a estremos nin a populismos e foxen da polarización.


O sentidiño, esa palabra tan nosa, imponse no comportamento dos galegos e galegas e por tanto debemos aplicalo nós tamén, os que temos a responsabilidade de gobernar. No Concello da Coruña somos conscientes e por iso en ano e medio de goberno máis do 40% dos asuntos tratados no pleno aprobáronse por unanimidade de todos os grupos e fomos quen de poñer en marcha accións tan relevantes como o Plan de Reactivación Económica e Social co acordo de todos.


Fronte á política de bandos, nós apostamos polo diálogo, por unha política cos pés na terra, útil para a gran maioría da cidadanía que conecte co que ansían a maior parte dos galegos dende hai tempo.

A nosa aldea gala

Te puede interesar