É rendable ser agresivo?

robablemente moitos cidadáns demanden, con toda lóxica, políticos non agresivos, formados, cultos, con inquietudes, que teñan experiencia política e experiencia externa, que representen valores calmados e que aposten por argumentar e non pola confrontación. Sendo isto así pregúntome que lóxica ten que vivamos campañas electorais insufribles como o que sucede en Madrid, ou o que ven pasando dende hai anos en Catalunya. A polarización e a creación de bandos, queirámolo ou non, son premiados nas eleccións.


É preciso entendelo e explicalo, porque de non ser así todos caemos niso nun ou outro momento. Sucede que as militancias dos partidos e, por tanto, os principais núcleos de decisión, viven moito máis implicados que o resto da cidadanía e, entón, máis polarizados. Sucede que o debate ideolóxico vai en caída e escollemos persoas e non proxectos, co que os debates acaban sendo personalistas e non de argumentos.


Sucede que as épocas de crise xeran cabreo, e nada hai máis populista (pero efectivo) que sinalar culpables externos. Sucede que unha palabra agresiva é un titular seguro, e un argumento bo nin se redacta. Sucede que deberamos estar falando de repartidores precarizados, de horarios da conciliación, dos prezos do aluguer ou do salario mínimo, pero falamos de palabras que xa tristemente baleiramos como democracia ou liberdade. Sucede que cando unha patera chega a Tarifa, hai quen ve un drama colectivo e hai quen ve unha ameaza. Sucede que queremos políticos discrepantes cos partidos pero logo desprestixiamos aos políticos discrepantes cos seus partidos. Sucede que twitter non representa a realidade pero todos queremos ser trending topic. Sucede que os que cremos entender que a política vai mal non somos quen de cambiar a maneira de facer política. Sucede que os políticos que dicimos querer son como Ángel Gabilondo ou Íñigo Errejón, pero quen está preto de gañar é Díaz Ayuso.


Con todo isto como previa o que conseguimos é que triunfen os que simplifican a política ata os instintos máis básicos, e por iso aparecen tamén as políticas do odio, repulsivas, fascistas e desprezables como a extrema dereita hoxe. Todos somos en parte culpables, porque xeramos un campo onde é rentable ser agresivo e apelar ao egoísmo. Algúns somos aínda máis culpables. E así sempre acabarán gañando os máis agresivos e os máis egoístas.

É rendable ser agresivo?

Te puede interesar