Odiamos demasiado, odiamos rápido

En 2013 os partidos políticos máis valorados de España eran IU e UPyD. Hoxe IU xa non existe como tal, pasando por varias formulacións de siglas en función das eleccións que fosen, e xa deu tempo a que desaparecese UPyD e, case, o seu sucesor. Albert Rivera e Pablo Iglesias, líderes absolutos nos últimos anos da mal chamada “nova política”, xa non están na política activa.


A política, que debera ser a representación das vontades sociais de modelos de convivencia cos seus acordos e desacordos, converteuse en boa parte nun show de consumo. Así existen programas televisivos de berridos constantes, nos que rostros que saben moito de televisión pero case nada de outras cousas adícanse a solucionar problemas complexos con frases grandilocuentes pero inútiles. E pasa moi rápido porque os enfrontamentos banais, que so xeran odio, consúmense rápido e son precisos novos rivais e inimigos aos que deshumanizar e, por tanto, xustificar calquera cousa. Tamén deriva en que todos o facemos, e de aí xorden abandeirados do odio, identitarismos excluíntes ou personalismos insoportables.


Pablo Iglesias anunciou estes días a súa despedida da política. Eu nunca votei a Iglesias, créolle parte de culpable dos híperliderados e a simplificación da política. Pero é innegable que Iglesias sacudiu a maneira de facer política, e conseguiu poñer no foco debates que eran necesarios máis alá aínda que moitos creamos que non acertaba nas solucións. Foi un político hábil, intelixente, gran lector dos momentos e creo, firmemente, que tivo sempre a vontade de facer desta sociedade unha sociedade mellor. A pesar disto Pablo Iglesias afirmou comprender que el foi un obxectivo do peor odio que está atrincherado na política e na sociedade española. Perseguírono, publicaron a ecografía dos seus fillos, intentárono facer pasar por acosador, vulgarizaron a valía doutras persoas por ser parellas, ameazaron de morte aos seus pais... Neste país, no que aínda gardábamos aquela tradición política que dicía Rubalcaba de que “enterramos moi ben” xa nin sequera facemos isto. Algunhas das reaccións vistas sacan a luz, unha vez máis, a perigosa tendencia a odiar que se está implantando neste país. Odiar empobrece, denigra e fainos peores. Estamos odiando demasiado, e demasiado rápido.

Odiamos demasiado, odiamos rápido

Te puede interesar