Un gol de penalti no minuto 89 priva ao Ribadumia da vitoria

Un gol de penalti no minuto 89  priva ao Ribadumia da vitoria
Álex Fernández foi un dos destacados onte no empate do Ribadumia na Sentra co As Pontes |Gonzalo Salgado

CD RIBADUMIA 2- 2 AS PONTES


O Ribadumia sumou un punto con sabor a derrota onte na Senra ante un As Pontes xa descendido que marcou o 2-2 de penalti no minuto 88. Un resultado que fai que os locais sexan quintos a 3 puntos dos postos de permanencia a falta de 12 en xogo. O Ribadumia púxose dúas veces por diante no marcador, pero un erro na primeira metade en defensa e as dificultades na segunda para conter a ofensiva do rival, que xerou bastantes ocasións, deixárono sen outro triunfo na casa.


O Ribadumia saiu a por todas, a presionar alto e buscar o gol ante un rival que tentou combinar dende atrás pero foi superado pola maior intensidad dos aurinegros na primeira media hora. Xa no primeiro minuto tivo unha ocasión o Ribadumia, Charles chegou a liña de fondo e puxo pase atrás que salva un defensa en área pequena.


No minuto 18 chegou o 1-0, nun roubou de Óscar en mediocampo no inicio de xogo das Pontes. Álex Fernández asistiu para Fran Fandiño, que entrou dende segunda liña e marcou por abaixo coa defensa visitante totalmente descolocada.


No 24 o propio Fandiño tivo a opción de facer o segundo nun pase atrás de Diego Abal, pero non chegou a conectar co balón.


O Ribadumia tiña o partido completamente controlado e encarrilado, pero cometeu un erro grave na fase de inicio do xogo que lle custou o empate no minuto 29. Nun pase entre defensas Javi Domingo fixo un mal control que permitiu a Iñaqui centrar por abaixo, Mitogo controlou dentro da área e habilitou a David García para que marcase non man a man ante Pazos.Ata o descanso os locais deron resposta con chegadas pola banda dereita de Álex Fernández, pero sen remates, e nunha falta frontal que lanzou Diego Abal rozando o pau.


Os locais adiantáronse en dúas ocasións por medio de Fran Fandiño, pero na segunda parte non puideron conter a un As Pontes xa descendido pero incisivo


A segunda metade empezou da mellor maneira posible para os locais, que anotaron o 2-1 no minuto 47. Nunha acción de saque de banda na que estivo moi intelixente Álex Fernández, que fixo a parede con Charles e asistiu na área pequena a Fandiño, que marcou nunha moi boa acción técnica. Con ventaxa no marcador o equipo de Luis Carro xa non asumiu riscos en defensa, iniciando sempre en longo para evitar perdas como a que orixinou o 1-1. Antes da hora de xogo os visitantes reclamaron penalti nunha caía de Álex ante Javi Domingo nun balón dividido, pero o árbitro deixou seguir. O técnico visitante Chollas situou o central Dani Fernández de dianteiro centro na última media hora de encontro, buscando máis o xogo directo. No 64 Mitogo tivo o empate nun balón longo que rematou de cabeza ás mans de Pazos. No 68 o Ribadumia correu á contra que levaron Charles e Álex Fernández e acabou nun gran remate dende a frontal da área de Javi Domingo que bateu no longueiro. No 71 foron os visitantes os que perdoaron nunha xogada pola esquerda ata liña de fondo e remate de Mitogo no punto de penalti que taponou a defensa aurinegra. A falta dun cuarto de hora Luis Carro introduciu un dobre cambio, dando entrada a Cheri e Miguel Vázquez e pasando a tres centrais para estar máis protexido en defensa. No 78, nova oportunidade das Pontes, xogada de Íñaqui, Álex e remate dende o punto de penalti de Borja Pita que volveu a taponar a defensa local.


No minuto 86, Dieguito, que acababa de entrar, estivo a punto de facer o terceiro, pero o meta visitante despexou o seu remate. Acto seguido nun balón largo sobre a velocidade de Rubén Pardo, Roberto Pazos salvou o empate co corpo. As Pontes tivo outra oportunidade moi clara ante do 2-2, nun remate de cabeza de Dani Fernández por riba do longueiro a centro de Óscar Martínez. No minuto 88, noutro centro dende a dereita, o árbitro decretou penalti nunha acción entre Santi e Dani Fernández. David García enganou a Roberto Pazos e marcou dende os once metros. Logo dunha segunda parte na que os locais non poideron controlar o xogo ante un rival moi incisivo a pesar de que xa descendeu, voaron puntos importantes de novo da Senra. 

Un gol de penalti no minuto 89 priva ao Ribadumia da vitoria

Te puede interesar