Mª Xesús Díaz e Xosé Vázquez Castro

A galería Xerión ofrece a mostra “Comunicación bidireccional” de María Xesús Díaz (A Coruña, 1957) e Xosé Vázquez Castro ( Ferrol, 1951), artistas ambos cunha importante traxectoria que fan dos xéneros clásicos da paisaxe e da figura humana un pretexto para indagar, de forma libre, nos valores plásticos da xestualidade de liñas e manchas, da tactilidade das texturas e, sobre todo, dos contrases e armonías da cor. Esto é especialmente notorio no caso de María Xesús, cuxa obra actual continua avanzando na liña da súa “Tentación sonora” de 2019, cuxos cadros calificamos entón coa sinestesia de polifonías cromáticas; pois ela pon a vibrar a xeito de códigos musicais o lampexo dos horizontes, xa en marelos e alaranxados, xa en brancos refulxentes e logo atempéraos con atmosféricas veladuras de suaves grises ou lenes azuis para que entoen o cósmico canto das nupcias da terra e do mar co ceo, pero, sobre todo, para que canten a íntima cantiga da súa alma conmovida polas abertas e sempre cambiantes configuracións da luz. Ela é mestra en modular, en axeitados acordes, as temperaturas da cor, en dar o escuro trazo exacto para que vibre unha superficie prateada, de facer que resalte un reflexo dourado a carón dunha masa de azuis árbores, de abrir un camiño de ensoño entre terrosos outeiros. de erguer sobre a chaira unha poderosa árbore gris-azulada ou, o que é o mesmo, de poñer a danzar, con sabiduría plástica, os rítmicos e cambiantes movementos da luz en acenos de lonxe. En canto aos protagonistas da obra de X. Vázquez Castro son xente moza, rapaciños e raparigas, na maioría, nos que resalta a dozura dos rostros e a inocencia da mirada que parece ollar con melancolía cara anceiados mundos perdidos. Algúns destes nenos van tocados con gorros de arlequín, como querendo resaltar a necesidade de vestirse de alegría ou de ter roles que alonxen a tristura, tamén hai grupos de nenas adubiadas con frores e ata unha mociña tocando a arpa como en arela de espertar luminosas melodías. En conxunto, os cadros expresan un expectante e saudoso sentir, que ven acentuado pola delicadeza de matices, polas envolventes tonalidades dos fondos blanquecino- ocre-rosáceos, pola frontalidade e polo aspecto contemplativo e soñador dos protagonistas que parecen estar en actitude de agardante silencio. Nos seus rostros inquisidores parece escribirse a pregunta dramática encol deste terrible momento que vivimos. “Comunicación bidireccional” ten, pois, un doble sentido; por un lado mostra os camiños distintos de dous artistas, con temáticas e plantexamentos diferentes que, no caso, de Mª Xesús Díaz ábrese cara horizontes e ultramares e, polo que toca a X. Vázquez , achéganos a cálida proximidade do ser humán, na súa versión máis encantadora; pero, por outro lado, traza dous camiños ou dúas direccións para ir dende o drama cotidiano cara a esperanza e a beleza: xa creando espazos de viaxeira luz, como o fai Mª Xesús Díaz , xa ensinando a ver o mundo cos ollos limpos dun neno.

Mª Xesús Díaz e Xosé Vázquez Castro

Te puede interesar