Do verán

cheira a verán. Medraron os días e o sol asoma con esa forza que anuncia dias felices. Vai rematando o curso e as rúas teñen unha densidade de paseantes moi superior ao que viñamos comprobando nos últimos meses. Empezaron a visitarse as praias e na fin de semana, recuperamos os primeiros atascos. Incluso nas conversas escoitamos falar de viaxes, excursións ou de facer o Camiño. Hai un balbordo de risos, actitudes de despreocupación e unhas gañas de socializar e compartir, que fai que todo o demais semellara quedar nun segundo plano. Os grises, as choivas e as friaxes teñen a virtude de poñer o foco fóra de nós. De ollar cara fóra, coma se estiveramos observando os acontecementos e a vida dende detrás dos vidros dunha fiestra. Achegámonos a ese cuarenta de maio que a sabiduria popular sinala coma punto de arranque para alixeirarse de roupas e de cargas. Todo no noso entorno fala na mesma linguaxe. Os anuncios da televisión venden verán e a parte química da nosa estrutura biolóxica, reacciona aos compoñentes que activan as nosas emocións. De fondo, unha serie de temas seguen a soar pero amortiguados, coma se foran interpretados con sordina. Temas como as actitudes de Marrocos; as vacinas; a suba da luz ou o das horas axeitadas para poñer a la lavadora; incluso a posición de Casado e o PP, contrario sempre a tratar de acordar co Goberno posturas comúns na defensa da nosa política exterior e dos nosos intereses como país. Nesta mañá, na porta da clase, Adrián miroume por riba da súa mascarilla e díxome sorrindo, Profe, cheira a verán verdade? Ás veces as cousas non precisan explicacións excesivas. O evidente, sempre cae por gravidade.

Vivo agardándote coa eternidade dos glaciares –dixo El– non saberte fixo máis longos e grises os días. Sentirte é o fermento elemental que delimita a vida..

Do verán

Te puede interesar