A Ruta do Albariño regresa a Meaño e Cambados

A Ruta do Albariño regresa a Meaño e Cambados
Representantes da organización e das institucións colaboradoras, onte durante a presentación da proba | ceduda ciclismo galego

Despois da paréntese do pasado ano por mor da crise sanitaria da covid, a Ruta do Albariño regresa con forza ás estradas da comarca do Salnés. Os concellos de Meaño e Cambados serán o escenario esta fin de semana dunha cita consolidada no calendario ciclista e que na súa oitava edición reunirá ás principais promesas Júnior e Sub21 do noroeste da península ibérica. O pelotón do Memorial Modesto Sánchez Alba ‘Teto’ estará formado por 22 equipos, dez deles chegados dende fóra de Galicia.

O ciclista Gustavo César Veloso, dúas veces gañador da Volta a Portugal, tamén quixo amosar o seu apoio a este evento participando na súa presentación. O arousán do Atum General-Tavira non foi o único corredor profesional que se dirixiu aos asistentes. O portugués Joao Almeida, unha das grandes figuras do panorama internacional e sexto clasificado na última edición do Giro de Italia, enviou un vídeo lembrando con cariño a súa participación na Ruta do Albariño do 2016.

A Ruta comezará o sábado pola mañá (11:00 horas) cun sector individual, unha cronoescalada de 3 quilómetros entre Meaño e o Alto do Busto. Esta primeira xornada completarase pola tarde (17:00 horas) cunha carreira en liña de 63 km, con inicio e final na Rúa Desiderio Abalo de Meaño.

Ao día seguinte, a Avenida de Galicia de Cambados, será punto de saída e chegada da última etapa, unha tirada de 92 quilómetros.

A Ruta do Albariño regresa a Meaño e Cambados

Te puede interesar