Ruído

Atópome a min mesmo, que era un devoto de espertar coa radio e iniciar as mañás coas noticias e as tertulias, tentando de buscar outra maneira de animar o inicio do día evitando os programas serios. A música ou algún bo podcast de humor acompáñanme xa de maneira habitual no coche, para non arrincar o día con mala cara. Abrir un periódico, empezar un telexornal ou escoitar un debate de primeira hora na radio véñense convertendo en actividades propicias para acabar enfadado. Énchense as actualidades de noticias dramáticas, malas e provocadoras.


Algo hai de vontade popular nisto, pois ben saben os que coñecen o asunto que as noticias sobre problemas ou, especialmente, as de sucesos, teñen un amplo espectro de seguidores. Pero a realidade é que estamos inundados de información que polariza e tensa. Para engadirlle a isto proliferan, ademáis, as persoaxes aproveitadas que colocan as súas teimas persoais en prime time e contribúen a xerar un estado de alarmismo e desconfianza permanente. Nas noticias, solo enfrontamentos e algúns políticos buscando con que tema van a facerse as vítimas hoxe. Nun programa de tarde en televisión, moitos ninguén falando a gritos doutros ninguén. Nada de escoitar deportes, porque solo se discute parecendo que será mellor o equipo que teña os forofos que máis berran. E coidado con ler ou ver algún programa no que pode aparecer un tipo calquera entrevistando a un expertísimo que conta que as vacinas fan que os coitelos se che peguen ao corpo. Así todo día.


Hai moito ruído. Ensordecedor. Un ruído que dinamita toda posibilidade de ser ponderados, e de que podamos construír nada. É un ruído que aplaude aos que berran e aos que fan coma que saben, e que consigue con moito éxito que acabemos todos aprendendo que a única maneira de facer as cousas é dicir a barbaridade máis grande e confrontando con alguén. Hai moito ruído, e un non pode deixar de lembrar a Machado: “se cada español falase solo do que sabe habería grandes silencios que poderíamos aproveitar para estudar”.

Ruído

Te puede interesar