No campo da Antropoloxía Social, e dunha parte desta disciplina científica con personalidade de seu, a Antropoloxía Cultural, na que o obxecto de pescuda e investigación pasou do interese polo estudo das comunidades primitivas ás de grande número de suxeitos froito do desenvolvemento, iso si coa conexión de continuidade que se produce nos diferentes estadios da evolución humana, especialmente na súa manifestación colectiva. Daquela, das orixinais sociedades de recolledores do froito labrado nos campos, incluída a domesticación de animais de alimentación e compaña, até a moderna manifestación festeira das tribos urbanas, o camiño de continuidade bebe dos principios de observación, e do temor ancestral, polos fenómenos da natureza. Polos bos, e polos outros; os das calamidades e catástrofes que de sempre houbo. Por iso, a moderna Festa do San Xoán, modulación cristiá dunha tradición popular de esencia non relixiosa, séculos anterior, está intimamente ancorada no momento do Solsticio de Verán; a dos días con máis tempo de luz solar que se presentan estáticos nas tres xornadas anteriores a esta noite cargada de simbolismo máxico que foi collendo elementos da singularidade local para configurar personalidade propia.
Verán que o é só do hemisferio Norte do planeta Terra, os do Sur están na fase contraria. Unha xeografía de grande extensión na que se comparte, cunha certa base similar de celebración, esta singular festividade cargada de rituais cos que se conxuran preocupacións e medos ao tempo de invocar ás forzas do alén descoñecido a favor da causa persoal de bonanza, éxito e prosperidade. Europa, concretamente, dende as terras nórdicas ás mediterráneas son un fervedoiro de xentes a xuntarse en comunidade, comer, bailar e facer do lume das fogueiras un elemento simbólico de especial significación para queimar esa cousa vella identificada na madeira, roupa e obxectos de mal agoiro e infame lembranza que deben arder, e con eles as lembranzas do pasado incómodo. Ese tránsito cobizado exprésase no salto por riba das brasas que deixa o lume da fogueira, icona característica que tamén é compartida, aquí e acolá, na que mesmo se camiña sobre os tizóns candentes, nunha demostración de ousadía e fervor relixioso de promesa. Obviamente, ese outro denominador común que se comparte na comida social de grupo, en todos os currunchos continentais no tempo da noite, dunha penumbra que debe mudar co amencer dun día novo, adáptase ao produto local polo que as sardiñas é un dos alimentos específicos da costa galega.
Porén, na beiramar e no interior do país, a secular pasaxe galega ao amencer, pide lavarse coa auga perfumada, traída de sete fontes distintas, froito da esencia deixada no resío da noite polas sete Herbas de San Xoán, esas ás que lle pedimos que nos libren de todo mal. É a nosa meiga poción, digna do mellor rito druída, que suma continuidade no tempo actual á manifestación cultural de identidade nosa. Defensa activa dun patrimonio de natureza inmaterial propio e único.