Revenidas ficha a Los Chikos del Maíz, Zoo, Talco Maskerade e a Boyanka Kostova

Revenidas ficha a Los Chikos del Maíz, Zoo, Talco Maskerade e a Boyanka Kostova
Imaxe dunha edición anterior de Revenidas | m.f.

Xa hai cartel. O Festival de Revenidas acaba de facer público o listado de artistas que conforman a programación que poderá gozarse en Vilaxoán os días 9, 10, 11 e 12 de setembro. A organización aposta este ano -como non podía ser doutro xeito- pola música galega de primeiro nivel. De feito o grupo Tanxugueiras inaugura o escenario de Revenidas o xoves 9 xunto con Los Rastreadores (a fusión de Ortiga e GandeAmore) e Verto, unha das últimas revolucións musicais en Galicia.


O venres 10 será a quenda de Laura Lamontagne e Pico Amperio, Los Chikos del Maíz e Ciudad Jara. O grupo de rap político desembarca e Revenidas para mostrar a súa interpretación máis ácida da realidade e cuns acordes que nunca decepcionan.


O sábado haberá tanto concertos de pago como de balde. Empezarán os gratuítos nunha sesión vermún con toque absolutamente feminino. A aposta de Revenidas é por A Banda da Loba e Guadi Galego. Xa polo serán, e de formato de pago, subirán ao escenario A Rabela -formado pola regueifeira pontevedresa Aurora Redondo-, Talco Maskerade -o alter ego dos Talco- e Boyanka Kostova, o dúo de trap galego formado por Saibran Yiyi e Chico.


O derradeiro día do festival vilaxoanés será o domingo 12. Os encargados de pechar a programación son Zoo, Mounqup e a banda Monoulious Dop. Pola súa banda da sesión vermú encargarase Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. A presenza de Zoo é un dos pratos fortes de Revenidas, que mesturan ritmos electrónicos, ska, rap ou rock.


As entradas para os concertos de pago do festival sairán á venda nas próximas semanas. A organización está á espera de que se defina o formato vencellado ás normas sanitarias definitivas, por mor da pandemia do coronavirus.

Revenidas ficha a Los Chikos del Maíz, Zoo, Talco Maskerade e a Boyanka Kostova

Te puede interesar