Soledad Penalta no Kiosko Alfonso

Co título “Materiais e relatos” e baixo o comisariado de Rosario Sarmiento, o Kiosko Alfonso ofrece unha mostra retrospectiva de Soledad Penalta (Noia, 1943), que ven a poñer un merecido broche de ouro a unha traxectoria escultórica das máis notables do noso país. A través de 28 obras podemos seguir a súa singular evolución que a levou dende o barro adámico das pezas de cerámica dos seus inicios ata as esculturas de metal (ferro e aceiro), nas que fai unha aportación orixinalísima ao linguaxe da modernidade, sen esquecer as raíces de noso. Por méritos probados merece inscribirse entre a nómina dos artistas contemporáneos que –como definu Wölfflin– aman “ a arte que hule a terra”, ou, si se quere, aos catro elementos: terra,fogo, aire e agua. A eterna materia nai canta nela con acentos apaixoados e vibrantes; xa cando adopta formas expresivas que lembran ás erosionadas rochas, como ocurre nas cabezas e torsos de gres e refractario dos 80, onde fai gala dun potente expresionismo; xa cando toma un camiño de síntese formal e construe con liñas precisas e xeométricas, como nas obras de ferro dos anos 90 e 2000; e, aínda máis, cando fusiona xeometría con abertas formas orgánicas e con caligrafía, como ocurre, por exemplo, coa magnifica peza A VIAXE (2017), na que ringleiras de homínidos que cargan cunha especie de barca ou quizais ataúde han de atravesar unha ringleira de picudos pregues triangulares que ven poden semellar montañas e que é unha metáfora da vida humana, con todas as súas dificultades e atrancos. Como epopeia do ser humán pode lerse tamén a escultura de aceiro do 2015 en forma de lisa columna vertical, que leva escritos textos, algún de liñas espirais, pola que tratan de agatuñar entrelazadas figuras humanas, mentres –como reza o título–, “ENRIBA A CONVERSA DOS DEUSES CONTINUA INDIFERENTE”. Dos múltiples ámbitos, direccións e dimensións que nos agardan fala tamén outra peza en forma de pilar ou monolito, que lembra as nosas ancestrais pedras fitas e que reza: “Sempre, antes, a modo, detrás, debaixo, enriba, adentro, arredor...” A materia é sempre para ela soporte do espíritu e, cando a traballa, as súas mans deixanse levar polo pulo hierofánico e transformador converténdose en axentes da revelación, desa etopeia que canaliza nas caligrafías i esgrafiados que veñen a ser as cicatrices visuais da alma humana, pero tamén as fírgoas de luz que abren a opacidade do metal; ou, dito doutra maneira, que queren dar voz ao laocontiano berro da humanidade, en eterna loita contra as dificultades. Hai esculturas de cariz antropomorfo que tamén poden semellar as runas dun raro abecedario; hai outras con aspecto de sólidos menhires; e hai as que fan cantar o ar, como “Asubíos do vento”, feita de finas láminas de metal, e como “Sons da historia sin fin”, formada por tubos pendurados a xeito de órgano. Seriación rítmica, tensión de contrarios , mestura de abstracción e figuración” atopan unha expresión admirable en “ Bosque” e “ Só pasos”.

Soledad Penalta no Kiosko Alfonso

Te puede interesar