A percepción de inxustiza en O Salnés

O que está a ocorrer esta semana en O Salnés supón unha burla a toda lóxica, e introduce un novo elemento na relación entre administrado e administración: a ausencia de respecto. Non hai maneira de explicar, por ningunha vía, a diferente decisión de medidas restritivas en distintos concellos. Persoalmente tampouco podo explicar como é posible crer que isto non provocaría unha onda de indignación. O cumprimento estoico durante ano e medio das decisións, incluso cando non gustaban, foi un exemplo de lealdade que non está sendo nada recíproco.


Hai un problema epidemiolóxico, si, pero temos algúns avances respecto doutros tempos e sabemos cal é o grupo poboacional que contaxia e se contaxia máis. Tamén temos ferramentas de control coma PCR ou certificados. Avanzamos, ademais, en vacinación e temos maior control hospitalario. E, incluso, sabemos quen incumpre (coma os negocios que publican as súas festas sen control coma se tivesen impunidade por estar ben relacionados). Nada disto parece valer, e o que queira incumprir pode seguir facéndoo, pois so ten que coller o coche e irse a outro concello. E, se se contaxia, contabilizará no seu propio para alimentar o problema. Pack completo.


Hai, ademais, un problema social. É o que xurde da frustración de verse manipulado e non comprender as decisións (que son incomprensibles). Estamos a 17 de xullo do verán que moitos hostaleiros esperaban con esperanza, e termina resultando no de sempre: caricias para algúns a costa de bofetadas para outros. Nada bo nace da desesperación e a percepción de inxustiza, tómese nota alí arriba por favor.


Todos desexamos que a situación mellore, e máis que demostrado está que a inmensa maioría da cidadanía viu colaborando a elo. Para que isto siga sendo así as decisións deben ser audaces para ir exactamente ao problema, áxiles para que teñan valor, e xustas para que non pareza que isto é un pitorreo.

A percepción de inxustiza en O Salnés

Te puede interesar