Reviravoltas do camiño a Compostela

Con perseveranza teimosa, constancia metódica na realización de actividade e proselitismo exemplar na causa da memoria de quen xustifica ser a súa existencia, a Fundación Plácido Castro na que conflúen tres concellos esenciais na súa peripecia vital, en parcería con outras institucións universitaria e de análise e proxección galega de cara ao mundo exterior, chegan unha vez máis novas publicacións, en formato físico e na rede de Internet, coas que se contribúe non só a situar coa debida importancia da que é merecente este prócer do galeguismo, senón tamén a necesaria reflexión que incrementa o patrimonio cultural do país no seu relato de traxectoria histórica.


Velaquí as monografías que veñen de saír do prelo editorial para difundir a figura de Plácido Castro, de “Identidade entre mundos”, para a xente miúda e moza nas viñetas de Pepe Careiro ou o pequeno libro no que se edita o texto de Xosé Luís Pastoriza, “Rara avis: Plácido Castro e o liberalismo galeguista”, achega que el preparou para o encontro anual do pasado 2020. Esa cita puntual que cada ano rota entre diferentes lugares, baixo a etiqueta de Conferencia Anual, vén de chegar a súa edición número vixésimo segunda, fai poucos días coa disertación pronunciada por Manuel Gago, afondando no papel de “Plácido Castro, a cultura galega e a xénese da recuperación do Camiño de Santiago”; asunto ben acaído cando estamos a piques de celebrar xustamente a data grande dun Ano Santo, en consideración eclesiástica que de xeito sen precedente flexibilizaron para estendelo tamén ao próximo. Xacobeo para o reclamo turístico.

Alén da popularidade social e do alto nivel de coñecemento deste fenómeno, o autor lémbranos que “a memoria é enganosa. Moita xente pensa hoxe en día que o Camiño de Santiago, tal e como o entendemos, sempre estivo aí. Que nunca deixou de haber peregrinos enchendo a rúa do Franco, Galicia foi sempre coñecida no exterior sobre todo polo Camiño e que mesmo boa parte da historia galega se debía a este fenómeno relixioso. Pero iso non foi así. O Camiño de Santiago é unha eterna invención, que renace, e decae, ciclicamente en circunstancia culturais e políticas distintas”. Velaí o papel de Plácido Castro, e do rol xogado polos vellos galeguistas republicanos, a partir dos anos sesenta do pasado século XX, berce do último rescate operado sobre un esmorecente Camiño de Santiago que, a partir dese tempo foi collendo novos folgos, para mudar dun fenómeno basicamente relixioso á esencia transformada nun proceso cultural e turístico de gran relevancia para a Galicia moderna. E iso ten moito a ver, tamén, coa contribución de Plácido noutras iniciativas, casos da Romaría Viquinga, Festa do Albariño e aínda outras varias máis, que foron quen de adaptar tradicións de raíz secular a tendencias europeas de éxito turístico popular.


Afondar na dinámica que supuxo o Camiño para a cultura galega, no pasado próximo e súa evolución, é texto publicado na web da Fundación presidida por Susi Castro. Lectura aconsellábel.

Reviravoltas do camiño a Compostela

Te puede interesar