Os Seminarios de verán do Partido Popular, dan para moito. Coma se foran espazos fóra da realidade, libres de virus e bacterias e nos que non fora obrigado aplicar o rigor histórico, recorren á metodoloxía do falar non ten cancelas e soltan, a cano libre, sentimentos e militancias que teñen arraigados no fondo do seu ideario. Algúns non pasaron páxina e seguen empeñados en branquear o golpe de Estado. Persoas que tiveron grandes responsabilidades políticas, difunden visións que directamente terxiversan a historia. Algúns pretenden confundir a histeria do seu coa Historia de todxs. Ou cando menos, e mediante a aplicación de poderosos disolventes mediáticos, lograr que as versións que eles fixeron oficiais acaben por eliminar a verdade real do sucedido. Pretenden edulcorar feitos que teñen unha compoñente amarga, e que non desaparecerá por moito que se disfrace de seda. Pero non falan por falar. Hai unha intencionalidade no afianzamento da estratexia da repetición sistemática de mentiras interesadas, e na presentación dos culpables coma salvadores, banalizando a verdade e a Historia.
Ademais aproveitan o frío da distancia xeracional, e a situación da normalidade democrática na que naceron os nosos xoves; o que xunto co seu desapego aos acontecementos que consideran case prehistóricos, xeran o caldo de cultivo idóneo para encher os baleiros con propagandas falsas e bulos maliciosos. Non perseguen a ecuanimidade, o recoñecemento ou o respecto. Tan só pretenden facer oficial as súas enganosas versións oficiosas. Dar gato por lebre novamente. Por iso é tan importante esta Lei da Memoria Democrática. Aínda demasiados sementan visceralidade e odio, e desprezan ás vítimas que seguen agardando, non só a ser atopadas e enterradas coa dignidade que sempre mereceron, senón tamén ca xustiza que nunca recibiron.
Amarte ten a solemnidade dunha bóveda -dixo El- a proporción exacta da tenrura na sinxeleza núa dunha vela. Amarte ten a austeridade conmovida do secreto...