Os produtores de Rías Baixas terán maior rendemento por parcela nesta campaña

Os produtores de Rías Baixas terán maior rendemento por parcela nesta campaña
Labores de vendima en O Salnés o ano pasado | m. ferreirós

A Denominación de Orixe Rías Baixas aumenta o rendemento nas súas parcelas para esta campaña. O sindicato Unións Agraracias comunicaba onte que os produtores desta DO poderán comercializar este ano 13.500 quilos de uva por hectárea, en lugar dos 12.000 habituais. Unha medida extraordinaria que, en vista da abundante colleita prevista, UU AA solicitou xa no mes de xuño e que este venres foi debatida e aprobada polo pleno deste Consello Regulador.


Máis rendemento

Rías Baixas autoriza así un incremento dos rendementos por hectárea do 12,5 %, medida que fora proposta pola central sindical para “dotar de maiores garantías aos viticultores e evitar que estes se vexan forzados a deixar uva sen colleitar”, indican.


Desde UU AA sinalan que, “nun ano no que as adegas carecen practicamente de stock, non tería sentido poñer trabas para que os produtores vendesen ao amparo da DO a maior cantidade posible dunha uva que, efectivamente, foi producida nas parcelas de Rías Baixas e ofrece todos os parámetros esixibles para ser etiquetada como tal”.


A modificación que sae adiante supón así un “importante respaldo para os viticultores”, que “contarán con maiores garantías á hora de dar saída á unha colleita que se prevé abundante, evitando que quede uva sen colleitar” e loitando tamén contra a “posibilidade de que se cree un mercado paralelo que unicamente favorecería a baixada dos prezos percibidos polos agricultores e a fraude”.


Rías Baixas non aprobaba un aumento dos rendementos por hectárea desde o ano 2011.

Os produtores de Rías Baixas terán maior rendemento por parcela nesta campaña

Te puede interesar