Cando xurdiu o problema pandémico do Covid-19, especialmente nos momentos do confinamento global da poboación, os gobernos de todo o mundo envorcáronse en promocionar a esperanza de acadar a sarcástica “inmunidade de rabaño”, especie de terra prometida onde o virus deixaría de propagarse a ritmo exponencial porque suficientes persoas estarían protexidas fronte ao vecho, diminuto até o nivel da invisibilidade. Visto o visto, agora caemos no conto que a ilusa previsión formou parte dunha campaña de psicoloxía social para situar a teórica fin dunha epidemia que as mutacións variantes do virus evidencia será longa e duradeira no tempo, aínda que determinadas medidas de protección muden tamén a unha esixencia menor, facilitando así a recuperación de ámbitos e ritos da vida social que agora están en situación de excedencia forzada pola situación.
Velaí o que ocorre coas festas populares, boa parte da actividade cultural especialmente os grandes eventos que concentran a multitude de persoas, entre elas os grandes concertos de música e moitas das verbenas animadas polas afamadas orquestras que neste noso país son unha institución de grande aprecio entre a xente festeira. Aínda máis, o momento pandémico coincide coa celebración do Ano Xubilar compostelán, convertido en Xacobeo na súa versión de atracción turística que, en situación de normalidade, congregaría a grandes figuras internacionais, foráneas, dos movementos musicais que constitúen moda entre a xente máis moza. Mágoa diso, sen dúbida algunha polo que trae de contacto e relación co mundo globalizado no que estamos inseridos; porén unha oportunidade para valorizar o propio, á nosa música, á nosa xente, á opción do próximo. Ao propio.
A limitación do número de persoas que poden asistir a un evento ou concerto, sexa en sitio pechado ou aberto, sumada aos custos desproporcionados que suman determinados espectáculos, é boa ocasión para facer do problema unha virtude e, deste xeito, darlle máis visibilidade e oportunidade á multitude de propostas de grupos e artistas en solitario que, vivindo aquí, fan espectáculo ademais en lingua galega. Ofertar á xente máis moza que constitúe o grupo de idade que se amosa menos receptivo ao uso cotiá do idioma galego na súa relación, mesmo que é o que máis tende ao seu abandono absoluto, a gozar e ver que a nosa lingua é tan igual, ou moito máis, que as outras do mundo para facer festa, para gozar cos ritmos da música e para namorar. Para danzar coa lingua.
Hora é de facer pedagoxía do potencial das propostas e alternativas musicais que usan de xeito exclusivo ou principalmente a lingua galega, inxustamente ignorado a nivel popular, vistas nunha exposición organizada polo Concello de Pontevedra, baixo título de “CantáMOLA en galego” coa que se repasan os últimos vinte anos da creación musical no noso idioma. Un proxecto que terá continuidade no ámbito escolar neste curso cunha unidade didáctica e a complementaria adicción de instrumentos en rede nas Web de contido musica. Agora e sempre, é tempo de bailar coa lingua.