Fume, para cortinas

Acendeu o lume e, nun instante, toda a casa se encheu de fume negro. Nos cuartos de durmir había fume, nos cuartos de estar tamén, igual que en tódalas dependencias, incluídas as anexas, e nas casa dos veciños. Cheiraba a xestas verdes, a leña de carballo mollada e a espantallo chamuscado. Eran gases que se filtraban por entre as paredes, por entre a xente e por entre o falar e o pensar da xente. Se fose normal, outro galo cantaría. Como din os paisanos do lugar ou aquel antigo refrán, “o fume de cheminea lévao o vento, igual que as palabra de amor”.

O fume de cozas das uces, de cepas das viñas, de piornos da piorneira, de leña seca ou de leña verde é fume que vai para a fumeira ou para secar os chourizos ao fumeiro. Emanacións gasosas que levan consigo o ADN, para indicar ás claras de onde veñen. Pola contra, outros e outras levan nas cabezas enormes fumaredas que ninguén, nin eles mesmos, saben de onde veñen. Cómpre que sexa a vida e a experiencia quen reduza ou reprima a vaidade e a presunción desas individualidades fumegantes.

Quen ten fumes na cabeza debe perdelos a “fume de carozo”, a golpes de humildade, de xenerosidade e coa valentía necesaria para converterse en persoa libre e respirar tranquilamente tranquilidade. E, perdón polo consello, pero tede coidado, que os fumes suben de forma inesperada e despois hai que baixalos.

Cando os homes labregos galegos traballaban a terra coas súas mans, coa aixada cavaban a bouza e, coa axuda das mulleres labregas e dos seus fillos, facían as tolas, de tal maneira que centos de moreas de ramallos, matas e terróns ardían nas leiras noites enteiras. O fume naqueles montes era un sinal inequívoco de traballo e esforzo, de terra labrada e de boa colleita na seitura da vindeira tempada. Hoxe o sinal do fume no monte di outra cousa.

Así os tempos cambiaron e máis aínda os códigos para transmitir información e as funcións do fume ou dos fumes, sexan da cor que sexan. Se hai fume no monte, malo, algo do que non debía pasar pasou. Se fumega a respectada cheminea das poucas que quedan en calquera cidade, a concelleira do ramo acende o GPS e envía aos bombeiros as correspondentes coordenadas de latitude e lonxitude para que vaian correndo a atender a urxente incidencia. Como di a Tía Manuela, nestes tempos de hoxe, “véndese moito fume” e hai quen fai del cortinas para esconder a realidade que non gusta.

Fume, para cortinas

Te puede interesar