O Revenidas apadriña a 15 ilustradores que crearán as súas obras en directo

O Revenidas apadriña a 15 ilustradores que crearán as súas obras en directo
A artista Pauliña puxo o toque musical ao inicio e final da presentación de Revenidas | mónica ferreirós

Poucas cousas lle faltaban xa ao festival Revenidas, pero a organización desta cita indispensable no almanaque arousán quixo ir aínda un paso máis alá. O festival vilaxoanés terá este ano un escenario de grandes dimensións con dúas pantallas xigantes a través das cales se poderá ver a realización dos espectáculos en directo. Unha tecnoloxía que servirá de ferramenta para o Revenidas Ilustrado, un espazo que nace este ano coa idea de dar lugar e cabida a artistas gráficos da provincia de Pontevedra. Un total de 15 ilustradores crearán a súa obra en vivo -baseada nos grupos que participan no festival- e en directo no Revenidas e o proceso poderá ser seguido polo público que asista ao festival. As súas obras asinadas e subastadas a posteriori nas redes a favor da entidade que decida o propio ilustrador.

Esta non é máis que unha das tantas patas coas que conta un festival que volve a desafiar á pandemia e retorna con varios días de actividades e, sobre todo, moita música.

A programación foi presentada onte nun acto no Fogar do Pescador ao que asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela ou o director de Agadic, Jacobo Sutil, entre outros cargos políticos. Todos eles nas súas intervencións coincidiron en destacar que a cultura “é segura” e mostráronse esperanzados para que no 2022 se poidan celebrar unhas Revenidas “como son de verdade, coa sardiñada incluída”.


Quedan poucas entradas


Xoán Quintáns, como membro da organización do festival, sinalou que o aforo para as actuacións está fixado en 1.500 persoas e que as entradas están a piques de esgotarse. Aínda así aqueles que non as teñan poden facerse con elas a través da páxina oficial de Revenidas. Quintáns explicou que, un ano máis, se aposta pola mestura de actividades de balde e outra de pago e sinalou un cartel que “conta co mellor da música galega, moi poderoso e apostando polo local”.

Así pois lembrou que a programación arranca mañá mesmo cun roteiro guiado por Vilaxoán a cargo de Xurxo Souto con showcooking incluído e coa actuación xusto despois de La Duendeneta cun repaso pola música galega. O xoves actuarán Tanxugueiras; Los Rastreadores e Verto. O venres será a quenda de Laura Lamontagne & Picoamperio; Ciudad Jara e Los Chikos del Maíz. O sábado a sesión vermú será cousa da Banda da Loba e de Guadi Galego con entrada de balde e xa no recinto pechado tocarán Talco Maskerade; A Rabela e Boyanka Kostova. O domingo a sesión vermú é con Xabier Díaz e as Adefeiras de Salitre e pola tarde noite a música póñena Zoo; Mounqup e Monoulious DOP. A maiores cabe destacar a recuperación dos concertos a bordo do Chasula con nomes como o de Paulinha, da que onte xa se puido ver o seu talento na presentación.

Quintáns sinalou que “Revenidas segue adiante para darlle un pouco “de pulo ao sector cultural, un dos máis afectados pola pandemia”. Un argumento no que coincidiron todos os responsables políticos presentes.

O Revenidas apadriña a 15 ilustradores que crearán as súas obras en directo

Te puede interesar