Manuel Pesqueira, na galería La Marina

Agalería La Marina ofrece unha selección de obra de Manuel Pesqueira (Lantaño, 1911-1988), un dos nosos máis singulares pintores, que alimentou o seu espíritu nas idílicas terras do Salnés, por onde tamén andiveran persoaxes de Valle Inclán. Serán aquelas fermosas paisaxes e as xentes que as habitaban os motivos principais da súa obra plástica que encetou sendo estudante de Maxisterio en Pontevedra, onde asiste as reunións que os galeguistas históricos realizaban no café Moderno.Faise amigo de Castelao, Arturo Souto e Maside, entre outros, e realiza a súa primeira exposición en 1933. Prepárase para o ingreso en Belas Artes, pero a Guerra Civil truncou os seus desexos e deixoulle ademais unha eiva terrible, pois foi ferido e perdeu totalmente a movilidade do brazo dereito o que o obligou a aprender a pintar coa man esquerda. Quizais a pincelada solta e miúda, que caracteriza o seu quefacer, sexa froito da forzada adaptación que tivo que sufrir. Da súa paleta nacerá unha entrañable visión persoal da Galicia do agro, que reflicte con un certo primitivismo e inxenuismo arcaizante, pois os protagonistas dos seus cadros responden maís ben a patróns arquetípicos que a retratos persoalizados: nais, campesinas,labregos, cazadores. músicos... representan unha idisosincrasia, un xeito de vivir, unha ancestral relación coa terra, que él expresa dunha maneira a un tempo idílica i expresionista; pois, si ben se sinte que quere entoar o canto gozoso dunha vida sinxela, faino rachando cos cánones da beleza e as reglas do academicismo, deformando rostros ou agrandando mans e pés. Terra e ser humán forman, para él, un todo inseparable, de aí que os corpos teñan a miúdo as carnacións da terra e que leiras e sucos sirvan de encadre para os seus protagonistas, como ocurre, por exemplo, co cadro “ Nai con cesto camiñando”, no que se ve a unha paisana cun neniño en brazos sobre un fondo de grisallentas terras aradas. Tamén “Muller con vacas” presenta como fondo un encadre de leiras xeometrizadas. Esta tendencia á xeometrización compositiva forma un curioso contraste co expresionismo aplicado ás figuras; i é visible sobre todo en cadros como o títulado “Baile”, no que compón a escena como un simétrico xogo de espellos, no que danzantes e músicos están como atrapados. Aínda máis singular e a obra “Descanso”, que entraría dentro do que os críticos chamaron “biplasticismo”, pois desdobla as figuras en catro planos enfrontados, convertendo as súas pernas, que quedan nos planos centrais, en puras liñas de cor. Un aspecto importante do seu quefacer son as envolventes atmosferas, de tonalidades grises ou azuis que agochan todo un delicado tapiz de matizadas cores complementarias de baixa saturación, como sucede con “Escena campesina” e con “Vacas e paisanos”, toda unha lección de totemismo.”Xinete”, a cabalo polos camiños, e “Muller camiñando entre árbores” falan da alma nosa, a un tempo emboscada e viaxeira de ensoños.

Manuel Pesqueira, na galería La Marina

Te puede interesar