Tecnoloxía devoradora

Devorar, é un verbo transitivo de significados enfrontados. Si. A xeito desa filosofía oriental dos equilibrios entre unha cousa e a súa contraria, devorar no seu aspecto positivo é, por exemplo, ler con grande interese. Unha virtude persoal. Porén, no senso contrario, é destruír algo ou a alguén. Cousa que vén moi a conto do actual proceso que sigue o volcán canario no que a lava vertida vai devorando os elementos naturais e do patrimonio que se atopan ao seu paso de camiño ao mar. Velaí o que sucede coa tecnoloxía da información e das comunicacións, as TICs. As cousas boas que de xeito innegábel traen en favor da humanidade, van parellas ás de carácter negativo. Estas últimas non sempre teñen que ser así, son na súa máis grande parte responsabilidade da cobiza dos oligopolios que dominan este mercado comercial e da inacción das autoridades políticas.


Devorar, na súa significación de atacar, ten de sinónimos as palabras agredir, acosar e aldraxar entre outras varias de expresión similar. Exactamente iso é que están a facer, a respecto do noso idioma propio, e dos dereitos lingüísticos que amparan á cidadanía galega, a meirande parte de canles, programas e redes no ámbito da internet. Evidencia que vén de ollarse con crueza na conversa entre Moraima, nena galega de tres anos, imposibilitada de ser entendida por un deses artefactos, froito da mal considerada “intelixencia” artificial, aos que alcumamos asistente persoal. Coa emotividade dunha testemuña audiovisual que correu como regueiro polas redes, 

Moraima é de xa un símbolo da discriminación tolerada que impón linguas alleas á teórica oficialidade do galego como parte dos ámbitos de relación da vida cotiá. Moraima é, tamén, metáfora do proceso de involución impulsado pola norma legal que regula o sistema educativo na que nenas e nenos galegofalantes no berce do fogar familiar van ver transformada a súa lingua de relación unha vez comezan o itinerario escolar, especialmente nos primeiros anos da educación infantil.


Esta é a realidade que acelera a perda de falantes na nosa lingua, patrimonio de identidade cultural fundamental na personalidade colectiva como pobo diferenciado, que precisa con urxencia ir alén do anuncio de boas intencións que se agocha no proxecto “Nós de Intelixencia Artificial”, proposto polo goberno galego en parcería có traballo universitario que lle dea forma técnica. Se realmente existe vontade de atallar a grande fisura que impide o uso da lingua propia no mundo das novas tecnoloxía é indispensábel traballar a fume de carozo para contar con recursos propios.


Moraima, metáfora e símbolo icónico xa, lembra a poesía de Celso Emilio Ferreiro, na memoria da súa amada, vertido nun dos máis relevantes poemas de amor na conexión coa tradición medieval que agora é, utilizando a última das estrofas, un agoiro do futuro que pode rematar por sepultar o instrumento máis valioso da comunicación que herdamos dos devanceiros: “Cando quero morrer / non digo nada. / E mátame o silencio / de non dicir Moraima”. Evitemos ser devorados polo alleo. 

Tecnoloxía devoradora

Te puede interesar