Músicas ao Vivo desvela o nome dos 51 finalistas dos VIII Premios Martín Códax en Cambados

Músicas ao Vivo desvela o nome dos 51 finalistas dos VIII Premios Martín Códax en Cambados
Compoñentes da banda arousana Doen, finalista na categoría Metal, coa edición especial de agasallo de Martín Códax | cedida

A Asociación Músicas ao Vivo desvelou onte o nome dos 51 finalistas das 17 categorías dos seus VIII Premios Martín Códax da Música cos que pretende visibilizar e recoñecer a diversidade e calidade artística do sector galego. O acto tivo lugar en Bodegas Martín Códax, patrocinadora do certame, que como agasallo entregou unha edición especial en botella Magnum do seu albariño buque insignia. Os gañadores daránse a coñecer o día 27.


O evento, de aforo limitado e que seguiu todas as medidas recomendadas polas autoridades sanitarias, contou coa intervención do presidente das adegas, Xoán Antonio Allegue López, e da presidenta de Músicas ao Vivo, Xiana Lastra. “Dende sempre, dende os nosos inicios, apoiamos a cultura galega como parte da nosa identidade e en especial a música. Este encontro é un claro exemplo dun proxecto conxunto onde as músicas e músicos, institucións públicas e a empresa privada van da man e do cal estamos moi orgullosos”, sinalou Allegue.


“Foron máis de catrocentos os proxectos inscritos nesta oitava edición, algo digno de mención polo difícil momento que o sector viviu e está a vivir nos últimos tempos. Isto demostra a fortaleza e teimosía do noso gremio, malia os paus nas rodas que se nos están a poñer”, explicou Lastra na súa intervención cun efusivo agradecemento ás Bodegas Martín Códax e aos patrocinadores institucionais –AGADIC, Concello de Pontevedra e Deputación–, ás bandas inscritas e ao xurado. Este estivo formado pola cantante Carla Green, o músico Pablo Morán, o xornalista Carlos Crespo, o músico e programador Pepe Doré e a artista Diana Tarín.


Por categorías

A banda da Loba, Belém Tajes e Espiño son os tres finalistas na categoría de Pop Indie; en Rock, Loiros, Soulwide e Moon Cresta, e en Blues, Funk e Soul, Brais Morán, Narci Rodríguez dA Trío e Enxeito. O Metal tamén ten categoría nos Martín Códax da Música con tres finalistas: N.E.O, Doen e Nuada. MJ Pérez, Gustavo Almeida e Tomás Porteiro chegan á recta final en Canción de Autor/a, e Wöyza, Ilmarto e Marcos de la Fuente en Músicas Urbanas. A categoría de Reggae, Ska e Mestizaxe ten como finalistas a Bush Doctors Band, Chow y La Diligente Reggae Band e The Skarnivals; en Eléctronica son Cora Novoa, Allova e Xackal as aspirantes ao premio nesta edición; en Clásica e Contemporánea, Mateo Arnáiz, Alberto Vilas e Fernando Abreu, e en Jazz e Músicas Improvisadas, Javier Constenla Trío, David Regueiro Quartet e María Toro.


A Música Tradicional queda representada con Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Carapaus e Pelepau; o Folk, con Caamaño & Ameixeiras, Fiandola e Joel Padín, e as Músicas do Mundo con Enclave, DOUS e Lamas/ De Miguel/ Romero. A música dirixida ao público cativo e familiar ten categoría propia e quedaron finalistas Chuches Amil, Concerto Punkinfantil (Brais das Hortas e Peter Punk) e Radio BULEBULE (Paco Nogueiras). Na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena son Orquestra La Ocaband, Los Camachuelos e Bafana Bafana; no caso dos Coros e Grupos Locais, Coro da Ra, Sisters In The House e Encaixe, e as Bandas de Música Popular están representadas na final coa Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música de Chantada e Banda de Música de Antas de Ulla. E en Proxectos de Comunicación e Difusión Musical son o programa O Recanto do Corcovado, o colectivo Galeguiza-t e a exposición Cantámola en galego.

Músicas ao Vivo desvela o nome dos 51 finalistas dos VIII Premios Martín Códax en Cambados

Te puede interesar