Regular a vivenda é redistribuír

Máis alá de mantras repetidos sobre a vivenda, os dereitos da Constitución e todas esas imprecisións, é imposible negar que acceder a unha vivenda é un problema real para unha boa parte da sociedade, o que equivale a dicir a unha parte da mocidade xa que é realmente a que ten esta preocupación máis presente mentres constrúe a súa vida.


Nin en Galicia nin España hai un problema de ocupación por moito que as inmobiliarias, as empresas de seguros e outros interesados adíquense a espallar un medo irreal ben engraxado con publicidade infiltrada. Tampouco hai un problema de número de vivendas, pois existen en número e non é infrecuente coñecer intencións empresariais de novas construcións (agora menos que antes, certo é). O problema está no prezo de acceso e a intención de espremer o mercado polos posuidores, que deriva en que o custe para entrar pola porta da túa casa é disparado respecto do que son os salarios medios reais e o custe da vida diaria.


Políticas de promoción de vivenda entre a xente máis nova son un mecanismo importantísimo de igualdade de oportunidades e de equidade social. Porque aquí vese, con claridade, que existen falacias ocultas sobre os patrimonios e as rendas. A maior parte da mocidade do país vive nas contornas urbanas, alí onde se atopan máis oportunidades de desenvolvemento persoal e profesional, e xusto onde os prezos son máis caros. Esta mocidade non ten, na súa maioría, unha vivenda familiar na que residir ou rendas de pais e nais como colchón dos seus esforzos. Así pois, ter que desembolsar a metade do seu salario (como pouco) supón un esforzo que limita todas as demais oportunidades.


É posible compatibilizar as oportunidades de todos co lexítimo dereito ao investimento e os beneficios, pero existe un espazo onde pode haber un certo conflito de intereses. Aí debemos decidir se priorizamos a oportunidade de todos a crear unha vida en torno aos bens básicos. Iso non supón meter a man no peto de ninguén, senón regular para que os dereitos de quen menos ten poidan achegarse aos da maioría. Iso é o que eu sempre entendín como a labor básica da redistribución. Necesaria.

Regular a vivenda é redistribuír

Te puede interesar