errogar a reforma laboral” é, probablemente, un dos mantras máis repetidos pola esquerda en todos os puntos de España dende que o PP introduciu esta reforma, lesiva para os traballadores e que axigantou a desigualdade na relación empleado – empleador como había tempo que non existía. Hai un debate longo, que ven de moito tempo atrás, entre dereita e esquerda na súa defensa de como deben ser as relacións laborais. Pero aínda que iso debera ser o relevante, como ben dixo a Ministra Nadia Calviño, a realidade é que estamos debatindo doutras cosas.
Parecemos estar entendendo agora (e no “agora” está a chave) que derrogar é algo máis complicado do que parece. Derrogar supón eliminar. Non cambiar para mellor, non modificar os elementos negativos, non retirar os apartados que funcionan mal. Non. Derrogar é eliminar. Eliminar a lexislación laboral supón, sen panos quentes, voltar a máis antigua e rancia lei da selva. Sen lei ningunha (porque estaría derrogada) non habería nada que protexa aos traballadores.
Por que este debate tan directo voltouse tan revirado? Porque unha cousa é predicar e outra dar trigo, que dirían os clásicos. E porque para marcar diferencias e aparentar máis revolucionario que a propia revolución era mellor pedir sempre a maiores, querer sempre ir máis alá. E non valía con cambiar unha lei mala, había que derrogala porque iso era o “verdadeiramente de esquerdas”, dicían os que repartían carnés de pureza. E cando se fan campañas pensando nas palabras, nos tuits e nos símbolos, esquecemos a sensatez nos petos. Agora, rebaixando o ton, acábase aceptando que facer as cousas é moito máis difícil que decilas.
Ao final, a realidade do que toca facer é “modificar os aspectos máis lesivos da reforma laboral”. Para reequilibrar a relación laboral entre traballadores e patronal, que agora non o é. Esta frase, que parece que é a máis lóxica do mundo, sónanos moito aos que vivimos milleiros de debates iguais e observamos como os berrinches, as pancartas desmedidas e as campañas electorais populistas invadíano todo. É a frase pola que se calificou de traidores, vendidos e tibios aos que, en definitiva, pretenden ir máis alá dun tuit e queren resolver as cousas. Que cousas ten isto de razoar...