En defensa da disciplina de voto

Eu votei unha vez convencido de que estábamos equivocándonos. Lémbroo coma se fose agora mesmo, e acompañarame sempre porque resultábame un tema de especial significado. Defendín a miña postura, con máis xente, pero a decisión grupal foi contraria. Foime difícil e tardei en aceptalo. O tempo, recoñezo, fíxome comprender que todo ten outro punto de vista e que os representantes políticos somos, precisamente, representantes. Ao fin, os avances sociais e políticos que as sociedades foron conquerindo no tempo construíronse en base a que un enorme número de persoas rebaixaron as posicións persoais en beneficio dos acordos comúns, que sempre son froito de cesións e renuncias.


Escoito e leo a persoas que estes días teñen afirmado votar “en conciencia”, coma se o resto de veces non o fixeran ou coma se a súa conciencia fose máis importante que a dos demais. As persoas somos imperfectas e, por tanto, as organizacións tamén. Apelar á “conciencia” nun debate dentro grupo de persoas iguais supón considerar que os valores propios son moralmente superiores aos dos teus compañeiros, e non teño nada claro que iso sexa precisamente un síntoma de todo o que se di defender.


Poucas cousas resultan tan falaces e destrutivas como unha carreira pola pureza. Creo máis en que a honestidade está en defender o que consideras mellor incluso cando é impopular (como este texto, permítanme a licencia). Abrir debates, defendelos, tratar de convencer e aceptar o resultado incluso cando non o compartes ou cando poida ser obxectivamente erróneo. Iso, precisamente iso, é a política.


Os partidos políticos son unha ferramenta para que todas as persoas poidan participar, independentemente de ter cartos e posicións de influencia para facelo, como si ocorre en sistemas más personalistas como os anglosaxóns. Así que aínda que semella ser más sinxelo pasearse polos micrófonos e as redes sociais para buscar aplauso fácil, resulta que non habería nada máis directo que afastarse da férrea e tiránica disciplina á que algúns cren estar atados e someterse ao escrutinio electoral en solitario. Hai experiencias exitosas. Outras, as máis, non tanto. Pero eso, claro, é outra cousa.

En defensa da disciplina de voto

Te puede interesar