A Xunta anuncia no Culturgal as medidas para impulsar o sector dos videoxogos

A Xunta anuncia no Culturgal as medidas para impulsar o sector dos videoxogos
A Xunta desembarcou no Culturgal con numerosas propostas, presentacións, anuncios e actividades

A Xunta aproveitou onte o marco da Feira das Industrias Culturais de Galicia (Culturgal) para anunciar as diferentes iniciativas que se están a levar a cabo para impulsar o sector dos videoxogos a través do coñecido como Hub do Audiovisual. Unha iniciativa na que está traballando de forma activa a administración autonómica en colaboración coa asociación Videoxogo.gal.


O director da Axencia das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o secretario e tesoureira de Videoxogo.gal, Manuel Rey e Luz Castro, interviñeron nunha sesión no Culturgal con representantes de catro destacadas empresas galegas do sector. Neste encontro abordáronse os proxectos que se están a ultimar nestes momentos como son “Intruder in Antiquonia”, de Aruma Studios; “The Waylanders”, de Gato Studio; “Super Woden GP”, de Víctor Justo e “Rai”, de Wood Games.


Sutil destacou que as catro propostas son un reflexo do talento creativo, técnico e empresarial que hai arredor dos videoxogos en Galicia. Daí que a Xunta estea agora a traballar na primeira iniciativa autonómica de fortalecemento e vertebración dun sector que ten mostrado unha gran capacidade de crecemento. Destacan dende a Xunta que é este un dos principais eixos do Hub Audiovisual da Industria Cultural que o goberno galego acaba de poñer en marcha e que conta cun orzamento de 9,6 millóns de euros a través dos Fondos Feder.


O obxectivo global do Hub é reforzar a posición de Galicia como referente competitivo e de calidade no contexto global das industrias culturais. Así pois o sector dos videoxogos será o destinatario dun polo de aceleración empresarial e dun fondo específico para o desenvolvemento de proxectos, ademais doutra serie de accións transversais.


Por unha parte a través do “Polo de aceleración do sector dos videoxogos” los destinatarios serán emprendedores e empresas novas para contribuír a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos e, polo tanto, tamén a súa consolidación. A iniciativa materialízase a través dun convenio ao amparo do cal se desenvolverán dúas edicións cunha duración total de 20 meses dende a súa posta en marcha.


No referente ao fondo de desenvolvemento dos videoxogos a idea é articular unha liña de subvencións dotada con 400.000 euros destinada ás produtoras galegas, tanto para o seu desenvolvemento empresarial como para levar a cabo proxectos competitivos a nivel global.


Pensando no 2022

A Xunta de Galicia desembarcou este ano no Culturgal cun stand físico e cunha intensa programación. De feito durante a xornada de onte tamén se fixo entrega do sexto Premio Literario Nortear a Pedro Rodríguez Villar pola súa obra “Ou amor das pedras”. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo o acento en que a programación cultural do vindeiro ano 2022 “porá o foco na revitalización do sector con propostas diversificadas e descentralizadas para que a cultura chegue a todos os lugares de Galicia”.


Entre as propostas que se destacaron están as celebracións do calendario do libro e da lectura de Galicia, a programación conmemorativa do centenario de María Casares que incluirá propostas editoriais, escénicas e audiovisuais. A Xunta tampouco se esquecerá de Laxeiro, homenaxeado no Día das Artes Galegas do vindeiro ano nin a Florencio Delgado Gurriarán, no que se centrarán as conmemoracións das Letras Galegas 2022.


Hoxe segue a actividade

A actividade da Xunta de Galicia no Culturgal continúa na xornada de hoxe. O programa de residencias artísticas e de exposicións do Gaiás centrará as primeiras actividades da programación da administración autonómica. Pola tarde abordarase a importancia do Hub Audiovisual da Industria cultural como apoio para a atracción de rodaxes e da que se están a ver xa os primeiros resultados na serie de televisión “Rapa”, de Portocabo e Movistar +. Presentaranse ademais varios traballos en marcha no ámbito dixital como o proxecto “Nós de Intelixencia Artificial” en colaboración coa USC para que os sistemas de voz poidan recoñecer e interactuar en galego. Outra das accións a dar a coñecer neste ámbito é a do espazo virtual isaacdiazpardo.gal.


Cabe recordar que nesta nova edición do Culturgal a Xunta achega máis dunha vintena de actividades á programación Tamén conta cun expositor institucional. A administración autonómica é o patrocinador principal nunha edición na que a nivel global se teñen promovido máis dun cento de propostas entre presentacións, faladoiros, proxeccións, obradoiros, concertos ou representacións escénicas. Todo distribuído en temáticas diferentes arredor dos espazos Foro, Libro, Cinema, Infantil, Auditorio ou Arte Contemporánea.

A Xunta anuncia no Culturgal as medidas para impulsar o sector dos videoxogos

Te puede interesar