Heredeiros da Crus fixo “josar a Ribeira” nunha actuación histórica

Heredeiros da Crus fixo “josar a Ribeira” nunha actuación histórica
20233079_1069471126516764_1855585615860883385_o

Son eles mesmos os que din que levan anos buscando “a Superfama” e pese a que os seus escenarios son fundamentalmente galegos nada lle teñen que envidiar en aforo a artistas de renome internacional. Os Heredeiros da Crus levaban 25 anos querendo volver á casa, á Festa da Dorna, o lugar no que se converteron no primeiro grupo en gravar en directo un disco en galego. O “All right, Chicago” que tantos nenos aprenderon diante da TVG acompañados de bocadillos de nocilla. E xa choveu. Ribeira xa fervía ao fío das oito da tarde no día grande da Dorna a sabendas de que o mellor estaba por chegar. Non se equivocaron. Os Heredeiros fixéronse esperar. O concerto estaba programado para a medianoite, pero os “máis jrandes” non empezaron a soar ata o fío da unha. Sabían que xogaban na casa e querían sorprender. E fixérono, vaia se o fixeron. 
Unha choiva de fogos de artificio no escenario deron o inicio a actuación cunha canción que se coñecía dende a primeira á última fila. Miles de gorxas gritaron con Javi Maneiro o mítico “Nin teu pai, nin túa nai. Ti non me amenasas, non me amenasas” e aventuraban o que quedaba por vir. Máis de dúas horas de directo no que non faltaron os cornos de Tonhito, a “Chaqueta de pana” de Tucho e o baño de masas de Javi Maneiro sobre miles de mans arriba ao ritmo de “Non quero nada de ti”. O ambiente estaba ao máximo de revolucións e non cabía un alfiler na gran praza que os Heredeiros sempre soñaron con encher ata os topes. “Por favor, a xente que está invadindo a estrada ao lado do malecón que se meta por dentro das vallas”, advertían. E é que o recinto quedouse pequeno para tanta febre “herdeira” das tardes do Xabarín e por ávidos de “rock and roll” con acento de Castiñeiras. Os “máis jrandes” introduciron música de zanfona, de pandeireta e un divertido “Elvis Prestley” que fixo saltar a todo o público ao ritmo “Ribeira quere rock and roll”. Non faltaron os clásicos, a sulfatadora ao ritmo de “o viniño vira tinto” ou un sempre sentido “Corasón de Carballo” na parte máis romántica do espectáculo. Remataron con “Eu quero josar”, pero o público quería máis e máis e saíron a despedirse con “Que jallo é”, “De Jalisia ao estranxeiro” e un “O fillo de José” a capella que fixo vibrar aos que o seguen dende os inicios e que soñan cun “un chalé”. Para rematar, como non podía ser doutro xeito, co himno dorneiro coas pañoletas no alto. Porque Heredeiros é de Ribeira, a moita honra

Heredeiros da Crus fixo “josar a Ribeira” nunha actuación histórica

Te puede interesar