domingo 08.12.2019

Reportaxe | Remos en alto e loito nas traíñas trala morte de Xoubeiro, patrón do CR Rianxo

O remo rianxeiro e con el o de toda a Ría de Arousa queda orfo tralo pasamento de Manuel Fachado Cebreiro, coñecido co alcume do Xoubeiro, un home que facía bogar coma ninguén ás tripulacións que tiveron a fortuna de embarcar e competir xunto a el nunha traíña.

Os remeiros fixeron un pasillo no adro da igrexa de Rianxo ao paso do féretro | cedida

Lonxe quedan os tempos nos que impregnaba o rostro de salitre para converter ao Liceo Marítimo Rianxeiro nun referente deste duro deporte na bisbarra. Contaxiou a xeracións enteiras coa súa paixón polo remo, pola liberdade de bogar a prol dunha utopía a base de esforzo, traballo e solidariedade entre compañeiros de banco.

Este bagaxe serviu para que en 1982, co nacemento do Club de Remo Rianxo, O Xoubeiro fose o primeiro en asir o timón e mantelo firme nos momentos duros para consolidar un deporte polo que deveceu desde ben novo.

A saúde non foi moi bondadosa con el nos últimos tempos e marchou vivir a unha residencia de Noia onde aos 83 anos finou, aínda que na memoria colectiva queda todo un legado que perdudará sempre, porque non só ensinou a rudos e resistentes remeiros, senón que contribuiu a formar persoas esforzadas, solidarias e agradecidas.

Unha proba delo foi a homenaxe que moitos dos que foron os seus discípulos lle brindaron onte na igrexa de Rianxo onde se oficiou o funeral.
A tristura polo pasamento de quen mellor representou a historia do remo en Rianxo mudou en aplausos entre bágoas mentres os seus herdeiros nesta labor erguían os seus remos ao ceo en sinal de respecto e agradecemento ao Xoubeiro.

Para a tumba levou o cadro que lle entregaron hai seis anos e que resume e explica todo o cariño que o deporte do remo dedicoulle onte. “Co Xoubeiro de patrón, Rianxo campeón”. Ata sempre.

Comentarios