A Real Academia Galega publica os documentos sobre o ingreso de Castelao na institución o 25 de xullo de 1934

A Real Academia Galega publica os documentos sobre o ingreso de Castelao na institución o 25 de xullo de 1934

O 25 de xullo de 1934 Afonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) convertíase en membro de número da Real Academia Galega. Nas vésperas do Día de Galicia e cadrando coa celebración do Ano Castelao, a institución difunde por primeira vez os documentos relacionados co seu ingreso. Entre os materiais que se poden consultar no sitio web que lle dedica ao rianxeiro nunha nova “peza destacada” que presenta o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, figuran o mecanoscrito do discurso que pronunciou aquel día. Amósase tamén a correspondencia na que Castelao expresa o seu desexo de que sexa Antón Vilar Ponte quen lle dea resposta á súa alocución ou o escrito no que Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Marcelo Macías lle propuxeron á corporación que o “insine artista e escritor” ocupase unha das cadeiras vacantes.

“Diante d'iste nome, os propoñentes cóidanse dispensados de toda loubanza, e coidan qu'a proposta de tan ilustre galego ha ser acollida por todol-os Señores Académicos con unánime ledicia”, expuñan os tres asinantes na carta asinada o 12 de febreiro de 1930 en Ourense. A misiva é un manuscrito do puño e letra de Risco, quen entrara coma Otero Pedrayo na RAG meses antes, en 1929, nun momento en que a institución comezaba a abrirse para incorporar os representantes dos novos tempos do galeguismo, marcados polas Irmandades da Fala e a xeración Nós. 

 

O documento sintetiza o currículo do candidato, “un dos nosos mellores prosistas”, que naquela altura xa publicara títulos como Arte e nacionalismo, Un ollo de vidro ou Cousas, así como numerosos artigos. A listaxe inclúe tamén un resumo da súa obra artística e outros méritos, como o feito de ser pensionado en dúas ocasións pola Xunta de Ampliación de Estudos para se formar en Francia, os Países Baixos, Alemaña e a Bretaña e acadar a terceira medalla da Exposición Nacional de Belas Artes.

 

A elección de Castelao como académico non se produciría ata o 3 de maio de 1933, sen que se coñezan as causas desta delonga. Porén, semella que o interesado non tivo noticia do nomeamento ata case un ano despois, cando en abril de 1934 recibiu unha carta da Academia solicitándolle que enviase o seu discurso de ingreso, requisito indispensable para culminar o proceso. Na carta datada o 27 de abril de 1934 que se pode consultar tamén no sitio web de Castelao, o rianxeiro di descoñecer que fose nomeado académico e que por tanto aínda non ten ningún discurso preparado. Móstrase en calquera caso honrado pola designación, agradécelle á RAG que o acepte como membro e comprométese a compoñer un discurso “tan axiña como me sexa posible”. 

 

2 (1)  Arquivo RAG Carta Castelao a Lugris  envio discurso

 

E non demorou moito en cumprir o compromiso. En poucos tempo Castelao foi quen de preparar o discurso de ingreso na Academia Galega aproveitando os estudos sobre as cruces de pedra nos que levaba traballando varios anos. Noutra das cartas dixitalizadas, escrita o 10 de xullo de 1934, anúncialle así ao presidente Manuel Lugrís Freire o envío do texto da súa disertación, titulada As cruces de pedra na Galiza. O ensaio de Castelao que chega á Academia para a ocasión é unha versión mecanografada pola súa dona, Virxinia Pereira, como el mesmo explica noutra carta.

 

A correspondencia de Castelao daquel momento dá conta ademais do seu desexo de que sexa Antón Vilar Ponte quen lle dea resposta á súa alocución. E o de Viveiro así o fixo, xusto un día despois do seu propio ingreso na mesma corporación, o 24 de xullo de 1934, co ensaio O sentimento liberal na Galiza.

 

A cerimonia de ingreso na RAG de Castelao celebrouse o 25 de xullo no mesmo escenario, o pazo municipal do Concello da Coruña, que naquela altura cedía parte dos seus espazos á institución. Foi unha mañá ben emotiva. “Con voz potente y reposada frase, comienza el recipiendario la lectura de su discurso, documento de indudable interés, redactado en la lengua regional”, informaba La Voz de Galicia do día seguinte, nunha crónica recollida no dossier de prensa da súa entrada na Academia, incorporado tamén ao especial sobre este feito histórico. Castelao comezou lembrando a figura do seu predecesor na cadeira académica, Jaime Ozores de Prado, e logo proseguiu co tema da súa disertación.

 

A gabanza do irmán Vilar Ponte

A continuación tivo lugar a resposta de Vilar Ponte, quen gabou a figura do compañeiro. Alén de lembrar as súas creacións artísticas e literarias, e sen esquecer o labor político como deputado nas Cortes da República, o impulsor das Irmandades da Fala salientou un aspecto del que xa tiña comentado noutras ocasións: a galeguidade e a íntima identificación co país. “Decir Castelao é decir Galiza, ou viceversa”, comezaba. “Toda a arte xenialísima de Castelao tén a gracia natural das cantigas populares e inmorredoiras. Ven da mesma canteira e da mesma fontenla. Chega a todo e síntese por todos como se fose obra de todos cando e sô obra d'un home que representa e interpreta a todos”, lese no manuscrito que se incorpora ao sitio web dedicado a Castelao da RAG por cortesía da Fundación Penzol, custodia destoutro documento. A parte final da intervención dedicouna Vilar Ponte a destacar a contribución do novo académico a “erguer e universalizar” o idioma galego e rematou anunciando, de maneira profética, que o nome e a obra de Castelao perdurarían no tempo a través das xeracións. 

 

Cruces de pedra 2 Arquivo RAG

 

Á procura dunha revitalización truncada polos golpistas

A cerimonia concluíu coa entrega da medalla da Academia a Castelao a mans do Manuel Lugrís Freire. Ese mesmo día, o xornal vigués El Pueblo Gallego publicaba unha entrevista con este galeguista veterano, que ingresara na Academia no momento da súa fundación e se convertera no seu presidente tan só unhas semanas antes. Os seus primeiros actos públicos como tal foron precisamente as cerimonias de ingreso de Vilar Ponte e de Castelao. Lugrís Freire confesaba naquela entrevista que entre os seus obxectivos á fronte da RAG figuraba a súa revitalización cubrindo as cadeiras vacantes cos representantes máis sobranceiros da intelectualidade galega, artistas, escritores, filólogos ou historiadores. Lugrís anunciaba que a institución entraba nun período renovador “y de honda galleguidad” e aseguraba que ese novo espírito se manifestaba no ingreso dos dous novos membros.

 

As esperanzas de Lugrís non se cumpriron, pois a guerra civil e a ditadura franquista imposibilitaron a renovación da Academia. Incluso antes do desastre provocado polo golpe de Estado do 18 xullo de 1936, Castelao non participou na vida institucional debido ás súas moitas ocupacións. O desterro a Badaxoz, a elección por segunda vez como deputado galeguista e unha intensa participación na campaña a prol do Estatuto de Autonomía impediron que interviñese no devir académico. Por último, o exilio afastouno definitivamente dunha Academia que debeu adaptarse á ditadura imposta polos vencedores. Mais a pesar desa forzada ausencia, o seu posto como académico non foi ocupado por ningunha outra persoa mentres viviu. Só despois do seu pasamento, propúxose un novo académico para a cadeira que el ocupara simbolicamente entre xullo de 1936 e xaneiro de 1950. O elixido foi Antonio Fraguas Fraguas, quen no seu discurso de ingreso en 1956 fixo unha emotiva gabanza de Castelao.

 

‘As cruces de pedra na Galiza’

O discurso de ingreso na Academia de Castelao foi un resumo das súas investigacións sobre as cruces de pedra e os cruceiros. Ao longo da disertación debullou diferentes aspectos deses monumentos: orixe, cronoloxía, iconografía e tipoloxía. A pesar de que no decurso dos seus estudos el fora debuxando cruces e cruceiros, o texto destinado a ser lido na cerimonia non contiña ningunha ilustración. Houbo que agardar tres décadas para que se levase ao prelo, cando a RAG o publicou para conmemorar o Día das Letras Galegas de 1964, o segundo da historia tras o protagonizado por Rosalía de Castro. Esta edición dispoñible na web da Academia, a diferenza do texto orixinal, apareceu ilustrada con varios debuxos que procedían do libro sobre as cruces de pedra publicado en Buenos Aires en 1950 co mesmo título do discurso.

 

Que Castelao se interesase polas cruces de pedra era unha consecuencia da súa consideración da arte popular como o alicerce sobre o que debía crearse unha arte nacional galega. Xa nos seus debuxos e pinturas anteriores a 1920 encontramos representacións de cruces e de cruceiros. E cando en 1924 se integrou no Seminario de Estudos Galegos quixo ofrecerlle a esta institución un catálogo completo dos cruceiros do país, estando previsto que o propio Seminario publicase esa obra. En 1929 o interese polas cruces de pedra levouno a Bretaña, o que lle permitiu comparar os cruceiros bretóns cos galegos. Despois de 1934 continuou a traballar neste tema, ata que finalmente deu cabo á súa magna obra no exilio da Arxentina. Pódese dicir, xa que logo, que el foi o primeiro investigador das cruces de pedra galegas e o principal valedor da importancia destes monumentos que ata entón foran ignorados ou desprezados.

A Real Academia Galega publica os documentos sobre o ingreso de Castelao na institución o 25 de xullo de 1934

Te puede interesar