Xadrez, BTT e fútbol gaélico, esta fin de semana en Catoira

Xadrez, BTT e fútbol gaélico, esta fin de semana en Catoira
As Lombas acollerá o domingo un partido ‘all star’ con participantes da selección galega de fútbol gaélico recentemente chegadas de preparar o Mundial en Irlanda

O Concello de Catoira levará a cabo diferentes eventos deportivos con motivo da Romaría Vikinga e nesta fin de semana reunirá máis de 300 persoas nos torneos de xadrez, BTT e fútbol gaélico. O concelleiro Raúl Gómez agarda que as tres citas sirvan, ademais de para competir, para pasar un bo momento de lecer e que as e os visitantes que non o coñezan o municipio leven del unha boa imaxe.

 

Este sábado 26, entre as 10.30 e as 20 horas, terá lugar a ‘II Romaría Viking Rise de Xadrez’ no Edificio Multiusos do Concello. Esta edición estará patrocinada directamente pola multinacional de videoxogos de Singapur, que como impulsora doutro xogo de estratexia, Viking Rise, fará a doazón dos premios principais e sorteará diferentes obxectos. A intención é superar as cifras do ano pasado e pasar de largo o cento de asistentes, estando aínda aberta a inscrición.

 

Tal e como se fixo en 2024, haberá dúas tipoloxías de torneo, unha para categorías base de promoción oficial dentro do calendario galego da Federación -no que só poden participar persoas federadas-, e outra aberto absoluta afeccionada, na que poderán participar calquera persoa non federada.

 

Haberá premios para as cinco persoas primeiras clasificadas nas diferentes categorías, así como un trofeo a nivel local para a catoirense que consiga mellor posición. O concelleiro Raúl Gómez subliña que o Concello está a traballar para poñer a disposición das participantes e familias acompañantes unha ‘foodtruck’. As bases do torneo están dispoñibles na páxina web do club Fontecarmoa (organizador principal do torneo) e tamén na da Federación Galega de Xadrez.

 

O domingo 27 de xullo terá lugar a ‘II BTT Ruta Vikinga’ organizada polo Club Ciclista Torres de Oeste en colaboración co Concello. Terá saída e chegada na Alameda do Peirao e fará un percorrido de 45 quilómetros –de dificultade media- por diferentes puntos singulares do Concello. Gómez destaca que o obxectivo da proba non será competir “senón dar a coñecer partes moi interesantes de Catoira e pasar un bo día de lecer”.

 

A inscrición xa está pechada e o regulamento pódese consultar en cronotec.es. Haberá varios puntos de avituallamento e disporase de servizos de asistencia sanitaria, ambulancia e Protección Civil durante o transcurso da proba. Tamén haberá a disposición un servizo de duchas e lavado de bicicletas ao rematar a carreira.

 

Finalmente, tamén o domingo 27 de 19 a 21 horas celebrarase a ‘II Copa Vikinga de Fútbol Gaélico’ no campo das Lombas, no que será probablemente a cita máis internacional dentro da programación deportiva da Romaría. A copa está organizada polo ‘Galicia Bealo Lorchos’ de Boiro e consistirá nun partido ‘all star’ con xogadores e xogadoras de diferentes equipos galegos, algunhas delas recentemente chegadas de Irlanda da concentración da selección galega para preparar o Mundial.

 

 

 

 

Xadrez, BTT e fútbol gaélico, esta fin de semana en Catoira

Te puede interesar