As denuncias por violencia de xénero recibidas nos órganos xudiciais galegos durante o primeiros tres meses do ano ascenderon a 1.887, un 9,5% máis en relación co mesmo período de 2024, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a partir dos datos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero.
Tal e como trasladou o organismo, a gran maioría (1.583) foron presentadas pola vítima, unha cifra que segue sendo “moi superior” á das denuncias interpostas por terceiras persoas: os familiares formalizaron 37; mentres que 60 foron por partes de lesións recibidos directamente; 26, por servizos de asistencia e terceiros; e 181, por intervención directa da policía.
Neste sentido, a taxa de violencia de xénero en Galicia situouse en doce, a segunda máis baixa do Estado –cuxa media foi de 17,6–, por detrás de Castela e León –11,1–. Ademais, entre xaneiro e marzo o número de menores (fillos das vítimas) que quedaron identificados como vítimas nas denuncias presentadas
ascenderon a tres.
Así mesmo, descenderon un 27,6% os casos de vítimas que se acolleron á dispensa do deber de declarar, pois optaron por esta opción 71 mulleres, fronte ás 98 que o fixeron no mesmo período de 2024. Os xulgados galegos que asumen os casos de violencia sobre a muller concederon 297 ordes e medidas de protección e seguridade, un 3,8% máis que en 2024.
En total, recibiron 457 peticións destas medidas protectoras –un 2% máis que no primeiro trimestre de 2024–, das cales foron concedidas o 65%; mentres que os xulgados en funcións de garda incoaron 131, das que adoptaron 78, o 59,4%. Por outra banda, os órganos xudiciais ditaron 80 medidas cautelares civís.
As máis frecuentes foron as relacionadas coa prestación de alimentos (23). Ademais, adoptáronse 21 relativas á atribución da vivenda; 16 sobre suspensión do réxime de visitas; e dez sobre suspensión da garda e custodia.
Os xulgados impuxeron 608 medidas de protección de carácter penal (derivadas das ordes e doutras medidas cautelares de protección), sendo as máis frecuentes: prohibición de comunicación e orde de afastamento.
En canto ás sentenzas, o 89% das ditadas foron condenatorias, unha cifra que alcanza o 80,2% nas emitidas polos xulgados do penal neste tipo de procedementos; e o 87,5% nas ditadas polas audiencias provinciais. Os xulgados de menores axuizaron a tres persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.