A Xunta realiza a maior campaña da historia de actividades de verán para os máis novos

A Xunta realiza a maior campaña  da historia de actividades  de verán para  os máis novos
As actividades deportivas en grupo son unha das opcións que ofrecen os campamentos | AEC

Despois de dous veráns marcados pola pandemia, nos que o que coñeciamos coma “normalidade” cambiou de xeito radical, chegou o momento de comezar a recuperar aquelas actividades que tiveron que ser aprazadas nos últimos tempos. Para contribuir a elo, a Xunta levará a cabo nestes meses a maior campaña de verán da historia para os máis novos, ao contar con máis de 10.800 prazas nos seus campamentos e actividades, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia.


Baixo o lema “O verán que queres contar”, a campaña estival para este ano 2022 inclúe campamentos en 36 instalacións repartidas por toda a comunidade para mozas e mozos de entre nove e 17 anos; 45 campos de voluntariado en Galicia e tamén noutras comunidades autónomas e no estranxeiro para maiores de idade ata os 30 anos; programas de intercambio bilateral con outras comunidades; minicampamentos “Coñece Galicia” en establecementos turísticos para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos; e estancias en instalacións xuvenís para entidades ou asociacións.


Entre as novidades desta edición atópanse tres campamentos totalmente novos, dous deles en novas instalacións situadas en Xunqueira de Ambía e na Veiga; nove campamentos de voluntariado novidosos en concellos como Mesía, Baleira ou Sanxenxo; e recupéranse os campos de voluntariado internacionais doutras edicións para realizar actividades noutros países de todo o mundo.


O feito de que a demanda de prazas sexa tan elevada este verán fixo que a Xunta tomase a decisión de introducir novos emprazamentos, pero sen renunciar a outros que para moitas persoas xa supoñen unha referencia.

As actividades realizaranse durante os meses de xullo, agosto e comezos de setembro.


Minicampamentos

Os minicampamentos “Coñece Galicia” están dirixidos a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. A súa programación serve para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte dos máis novos como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo. Co obxectivo de facelos máis accesibles, o Goberno galego aplicará descontos do 50% ás familias numerosas ou monoparentais e do 25% a todos os usuarios do Carné Xove.


Estes minicampamentos teñen un dobre obxectivo: por unha banda, ofrecer unha opción de lecer activo ás mozas e mozos galegos, coa particularidade de que son estadías de cinco días de duración; e, por outra, axudar a dinamizar o sector hostaleiro.


O programa ofrece unha ducia de propostas distribuídas por toda a xeografía galega, que inclúen gincanas, xeoaventura, rastrexo de fauna ou tiro con arco, entre outras actividades.


Na provincia da Coruña, destaca o minicampamento Descubrindo a Bela Fiserra, onde os participantes poderán gozar de actividades náuticas como surf ou kayak, así como saídas a espazos singulares como a Fervenza do Ézaro. Ademais, Valdoviño Mariño propón actividades náuticas e de multiaventura e Sada, Náutica e audiovisual.


Na provincia de Pontevedra desenvolveranse Aventura en Paradanta, no concello de Covelo; O noso rural, en Lalín; e Natura, no Salnés.


Ourense, pola súa banda, ofrecerá as iniciativas Somérxete na natureza, na Pobra de Trives; e Acción no Arnoia, en Allariz; e Lugo, A conquista de Foz; Eco-Verán, en Monforte; Aventura na montaña, en Cervantes; A descuberta da Pobra do Brollón; e Xeocampamento nas montañas do Courel, en Folgoso do Courel.


Compre salientar que, neste verán, as actividades non van dirixidas únicamente aos máis novos, xa que os campos de voluntariado, con diferentes actividades de ocio, están dirixidos a persoas de ata os trinta anos, que poderán tamén vivir así unha serie de enriquecedoras experiencias e prolongar estas actividades despois da adolescencia.


A oferta de campamentos de verán é inclusiva e aberta ás persoas con discapacidade que poderán decidir se presentarse polo procedemento xeral ou a través das prazas reservadas. Coma en cada edición, haberá ademais a posibilidade de optar a campamentos específicos para persoas con discapacidade de entre once e cincuenta anos, con actividades pensadas especialmente para eles a adaptadas a todas as súas necesidades.


Para que todos, sen excepción, poidan vivir un verán único para ser lembrado e contado. 

A Xunta realiza a maior campaña da historia de actividades de verán para os máis novos

Te puede interesar